O número de pacientes curados "supera" xa ao de novos casos en Galicia

Así o sinala o doutor Antón Acevedo, que asegura que Galicia presenta "o cociente adecuado" de contaxios por infectado para a "contención total"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2020 | Actualizada ás 11:16

Comparte esta noticia

Galicia presenta "xa o cociente adecuado" de contaxios por infectado con coronavirus COVID-19 para lograr a fase de "contención total", xa que se sitúa por baixo dun contaxiado por unha persoa con este virus.

Así o manifestou, en declaracións a Europa Press, o doutor Antón Acevedo, especialista en Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac), quen valorou que en Galicia o número de altas e de pacientes curados "supera" aos novos casos de infectados.

Preguntado sobre como está a situación da pandemia en Galicia, indicou que se "estabilizou" segundo os datos dos últimos días, "desde principios de semana" a tendencia é de baixada de novos casos de infección. O doutor Acevedo manifestou que "parece" que se superou o aumento exponencial inicial e o "crecemento de casos xa non é exponencial" e "cada vez se espacia máis", puntualizou.

A iso sumou que a demanda asistencial nos hospitais en Galicia "é menor", o que permite "atender mellor aos pacientes" e "non se alcanzan eses picos de colapso", apostilou Antón Acevedo.

En relación ao cociente de contaxios por paciente, destacou que en Galicia se sitúa "por baixo dun" desde principios desta semana. Por iso, asegurou que a autonomía está "xa nese cociente adecuado" para conseguir a "fase de contención total" da infección. Deste xeito, comentou que, cos datos actuais, estase "en fase meseta" cara á "fase descendente da infección". Respecto diso, recalcou que o "número de altas e de pacientes curados superan aos novos casos".

Por iso, preguntado se se considera superado o pico, o doutor Acevedo apelou á prudencia para sinalar que "parece que cos datos o pico xa se superou", pero apostou por "esperar 3-4 días" e ver se continúa a tendencia. Así, avogou por "estar vixiantes".

Con todo, Antón Acevedo subliñou a "tendencia cara a ese descenso" de casos e afirmou que a situación nos hospitais galegos está "estabilizada", tanto en UCI como noutras unidades de hospitalización.

CIFRAS

Desde o sábado 4 de abril, segundo os rexistros da Consellería de Sanidade, o número de pacientes en UCI de Galicia descendeu de 177 a 169 no domingo, 168 o luns e 162 o martes. Este mércores había 158 persoas en unidades de críticos, o que supón catro menos que a xornada pasada.

En canto ás altas, estas incrementáronse progresivamente desde o fin de semana, das 435 do venres a 531 o sábado e 587 o domingo. Esta semana comezou con 610 o luns para aumentar a 688 este martes e a 800 este mércores, o que implica 112 máis que a xornada anterior.

Tamén o incremento de novos casos de infectados foi decrecendo de 291 entre o venres e sábado; a 249 o domingo; 167 o luns e 93 este martes. Este mércores ao mediodía, segundo os rexistros de Sanidade, había 5.460 infectados, 25 máis que a xornada precedente na que Sanidade contabilizou 5.435.

"QUEDA MENOS"

O doutor Acevedo destacou que "xa queda menos" para "ir recuperando a vida habitual". Deste xeito, considera que "máis pronto que tarde se poderán retomar algunhas actividades". En concreto, cre que "unha das primeiras medidas" de "desconfinamento" pode ser que os nenos saian dar un paseo cun dos seus proxenitores "preto de casa", así como "facer deporte en solitario" e nunha "zona aberta".

Isto considera que pode suceder en "cuestión de semanas", a partir do 26 de abril, cando terminará a última prórroga do estado de alarma anunciada polo Goberno. Así, Acevedo estima que "de forma progresiva" a partir de entón "se irán relaxando algunhas medidas".

Evolución de casos de coronavirus en Galicia ata o mércores 8 de abril.. EPDATA
Evolución de casos de coronavirus en Galicia ata o mércores 8 de abril.. EPDATA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta