Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2020 | Actualizada ás 11:28
O comité de expertos da Xunta conclúe que o novos test rápidos enviados polo Ministerio de Sanidade a Galicia "non son, en sentido estrito, un test de diagnóstico", senón que "apoian" outras metodoloxías.
Así o explica o catedrático e xefe de servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), Benito Regueiro, quen asegura que estas probas "serven só para valorar se a persoa tivo contacto co virus e sempre que sexa alguén que non teña unha inmunosupresión de base".
En concreto, o Goberno central reparte entre este venres e este sábado outro millón de test rápidos para a detección do COVID-19 ás autonomías, tal e como anunciou o ministro de Sanidade, Salvador Illa, tras o Consello de Ministros. Deles, 60.00 serán para Galicia que se suman aos outros 60.000 enviados a pasada semana.
Así, o comité clínico da Xunta afirma que a utilidade destas probas é "tan só complementaria" doutras como os PCR, que "xa está a realizar" o Servizo Galego de Saúde (Sergas). "Este tipo de test detecta anticorpos totais, co cal a súa aplicación clínica é detectar se as persoas tiveron nalgunha ocasión contacto co virus",dixo este experto da Xunta. "Non é, en sentido estrito, un test diagnóstico do virus", insistiu.
O pasado mércores, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa se queixou de que o 58.000 test rápidos que enviara o Ministerio de Sanidade días atrás "non valen para facer un diagnóstico fiable" e, en consecuencia, non se podían utilizar como proba única, polo que en Galicia serían "complementados" con PCR. Ademais, anunciou que a Xunta xa pedira uns 60.000 novos test pola súa conta diferentes a estes pero que non chegaron a Galicia.
Con todo, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, defendeu no Congreso a utilidade deste test para "ampliar a capacidade diagnóstica" e "cribar" os casos en colectivos de alta prevalencia do COVID-19, como hospitais e residencias, "dunha forma rápida e segura", e subliñou que a súa fiabilidade é "plena" nos casos que dan positivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.