A Xunta di que Galicia pode estar "no inicio de descenso" da pandemia

Tras montar dous hospitais de campaña, cre "posible" non empregalos. Vázquez Almuiña apela a "non baixar a garda" ante un posible rebrote, pero di que a pandemia dá "claras mostras de desaceleración".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2020 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmou que aínda hai "unha marxe ampla de manobra" nos hospitais galegos, cunha media do 50 por cento de camas baleiras, polo que "neste momento é posible" non chegar a empregar os hospitais de campaña.

Nunha entrevista concedida este sábado á Radio Galega e recollida por Europa Press, o conselleiro constata que esta marxe se produce "mesmo na UCI", xa que nun inicio prevíase chegar mesmo ás 500 ou 600 camas nestas unidades. "Neste momento estamos ao redor de 125 camas", estimou. Aínda que afirma que a situación é "boa" e que "é posible" que non se utilicen os hospitais de campaña, Vázquez Almuiña apelou a "non baixar a garda" ante un posible rebrote da pandemia.

No caso concreto deste recurso que se preparaba no recinto Expocoruña, o titular de Sanidade explicou que se deseñou un plan cunha última "fase catro" e a xerencia da Coruña entendía que na súa área, onde se produciu o primeiro gran brote de coronavirus de Galicia, estas instalacións podían ser precisadas.

"Temos que ser conscientes de que todas as medidas extraordinarias deben estar presentes e, en caso necesario, poder montalas de forma urxente en poucos días", abordou. En caso de rebrote, indicou que "no canto de facer un illamento social xeral" como o actual, optaríase por "un illamento individual e de grupos de casos", para o que hai "infraestrutura preparada", tal e como asentou.

"O INICIO DO DESCENSO"

Mentres tanto, os contaxios de COVID-19 na Comunidade galega dan "claras mostras de desaceleración, con crecementos moi limitados pese ao número moi importante de probas" que, segundo reivindicou, realiza o Sergas. Por iso, considera que se pode falar "dunha estabilización da curva" que pode ser "o inicio do descenso da onda".

Preguntado sobre se teme que se produza un rebrote despois de que este luns se reincorporen á actividade os traballadores non esenciais, Vázquez Almuiña respondeu que "loxicamente si preocupa", porque "unha parte importante da poboación non está aínda inmunizada". No entanto, tamén ve "razoable" que de maneira progresiva se recupere a actividade, iso si, se se garda "a distancia de seguridade" e unha "boa hixiene de mans", entre outras recomendacións.

Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. RADIO GALEGA - Arquivo
Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. RADIO GALEGA - Arquivo | Fonte: Europa Press

MATERIAL SANITARIO

O titular de Sanidade tamén reiterou que o material de protección enviado polo Goberno de España á Comunidade "é moi limitado" e dixo que a Xunta empezou as súas compras "en febreiro", polo que leva "máis de 25 millóns de euros" investidos, ademais da axuda de empresas como Inditex, que "coñece moi ben o mercado chinés".

Explicou que este venres chegaron "ao redor de dez" respiradores a Galicia e que o Sergas continuará recibindo material "nos próximos días". "O obxectivo en máscaras é chegar aos 15 millóns", augurou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Realpolitik

Iste sátrapa ultraneoliberal é capaz ata de privatizar os hospitais de campaña, o aire e a luz do día cando llo mande o "bon xestor" do narcopresidente frijol.