A oposición pídelle a Feijóo que non politice a crise e axude aos sectores máis vulnerables

Caballero pide á Xunta que abandone a "confrontación" co Goberno e cumpra "as súas competencias". Galicia en Común reclama á Xunta "intervir" e "medicalizar" todas as residencias de maiores galegas. Pontón propón axudas directas ao pequeno comercio e atrasar as rebaixas para compensar a inactividade. En Marea esixe á Xunta desagregar os datos de coronavirus por concellos e residencias.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/04/2020 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

Os principais grupos da oposición pedíronlle á Xunta que non utilice a crise para facer partidismo e se centre, realmente, nas necesidades que ten Galicia para superar a pandemia, principalmente, na axuda dos sectores económicos vulnerables e as residencias de maiores.

Comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, durante o estado de alarma polo covid-19. PARLAMENTO DE GALICIA
Comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, durante o estado de alarma polo covid-19. PARLAMENTO DE GALICIA

Así, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, insta á Xunta a "abandonar a liña de confrontación" co Goberno de España e a cumprir "coas súas competencias" para atender a demandas que ten "pendentes". A través dun comunicado, o líder de filas dos socialistas galegos sinala que o Executivo galego "segue tendo pendentes" demandas de concellos, hospitais e residencias do aumento dos persoais e do material protector.

"Hai moito que facer e a Xunta non pode nin relaxarse nin limitarse a pór deberes ao Goberno de España", asevera, consciente de que para loitar contra o coronavirus é necesario un "traballo coordinado" de todas as autoridades.

Non en balde, o secretario xeral do PSdeG destacou o envío a Galicia de case 58.000 test rápidos --dos cales o comité de emerxencia sanitaria da Xunta di que non serven para o diagnóstico, senón como "apoio"-- e 2,5 millóns de unidades de material protector por parte do Goberno estatal.

Neste contexto, Gonzalo Caballero require á Xunta que realice "todos o test posibles" aos profesionais de sectores afectados e pon o foco nas residencias, que acumulan xa máis de 1.100 casos de coronavirus entre traballadores e usuarios, segundo o último balance da Consellería de Política Social. Así mesmo, esixe que se facilite "máis información" ás familias dos internos.

GALICIA EN COMÚN

Tamén o portavoz de Galicia en Común-Anova-Mareas, Antón Gómez Reino, reclamou á Xunta "intervir" e "medicalizar" todas as residencias de maiores de Galicia para "salvar vidas" e apuntou a "unha completa reformulación do sistema asistencial" unha vez conclúa a emerxencia sanitaria.

"Hoxe é a hora de salvar vidas, pero mañá será o momento de acabar co modelo de recortes e privatizacións nos programas de asistencia ás persoas da terceira idade en Galicia", destacou Goméz Reino este sábado nun comunicado.

Desta maneira, o portavoz criticou o modelo que se comezou a implantar "coa chegada de Feijóo ao Goberno" galego, que "permitiu que un puñado de empresas" fixesen "negocio" co diñeiro público "á conta do benestar dos nosos maiores". Un "modelo nefasto" en circunstancias normais, pero "un perigo para a vida e a saúde" dos usuarios destas residencias agora.

Así, o partido destacou que hai anos que se coñecen as "deficiencias" dos centros DomusVi e Fundación San Rosendo. A primeira compañía conta con 29 locais en Galicia e a segunda con 45 residencias e 12 apartamentos tutelados para maiores.

BNG

Por outra banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu unha serie de propostas para paliar parte das consecuencias económicas das crises sanitarias e as medidas decretadas polo Estado de Alarma, como axudas directas ao pequeno e mediano comercio e un atraso do período de rebaixas para compensar este período de inactividade.

"Hai que atender o S.O.S que está a lanzar o pequeno e mediano comercio do país, que xa viña sufrindo unha crise que se fai máis aguda polas consecuencias económicas derivadas do coronavirus", sinalou Pontón. Unha das propostas apunta ao atraso do inicio das rebaixas, como mínimo un mes, para que empecen "en agosto e non en xullo".

Así mesmo, o impulso de recursos directos para compensar as perdas desta parálise e axudas a autónomos "por valor de 2.000 euros nun pago único".

EN MAREA

Tamén En Marea esixiu á Xunta desagregar os datos de coronavirus por concellos e residencias públicas e privadas, a través dun informe no que se recollan todos os casos positivos e de falecementos de toda a Comunidade. No mesmo sentido, piden que se habilite un mapa actualizado para coñecer a situación, segundo explicaron este sábado nun comunicado. No mesmo, denuncian o "escurantismo" do Goberno galego e piden "transparencia".

O partido sinalou que os datos que daba Sanidade e Política Social non eran claros, piden á Administración autonómica que "deixe de maquillar" os datos e "respecto" para as familias das residencias como a da nosa Señora da Esperanza, de Fundación San Rosendo, en Ourense.

Neste sentido, aseguran que "o escurantismo da Xunta" no que respecta ao datos únese á "opacidade absoluta" da igrexa católica "á hora de informar as familias sobre os seus seres queridos ingresados".

XUNTA

Finalmente, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, instou ao Goberno central a dar instrucións ás comunidades para facilitar a coordinación ante a ampliación da recomendación do uso de máscaras á poboación.

Rueda lembrou este sábado que solicitara esta semana ao ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, que se ditasen instrucións para saber como se ía a materializar esta distribución de máscaras a cada comunidade autónoma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 anonimo 2

A estratégia da Xunta em voz do seu vice-presidente é ficar pendurado do telefono à espera do instruções do governo central! Really? Por que não tenhem nem ideia? Para não tomar decisões? Para “repartir” ou “evitar” culpas? Se a Xunta não quere assumir as suas responsabilidades e competências, que renunciem ao cargo! Renuncia já, não pela boa ou mala gestão, renuncia pela sua inoperância, abandono de funções, subordinação e medo a gestão. Ao final da crise, julgaremos aos nossos governantes, aqueles que tomarom decisões, equivocadas ou não, poderão mirar a cara aos cidadãos, aqueles que se esconderom e ficarom passivos terão que agachar a cabeça.

2 anonimo 2

Um político pede-lhe a outro político que não politize! Aponto-me a ideia, todos os políticos para casa sem cobrar (por solidariedade para empregá-lo no mais necessário, e também por boa gestão, de seguro poderão viver um meses sem ingressos), e que deixem trabalhar a gente que entente.

1 Gamela

Sen dúbida o mellor é o tema das Rebaixas !!!