Xa son 14 mortos por Covid-19 nas últimas horas en Galicia

As mortes en hospitais e en residencias sitúanse en 281 e en 79, respectivamente. TAmén aumentan os contaxios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2020 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

O falecemento nas últimas horas de sete persoas con coronavirus en hospitais galegos, todas elas con patoloxías previas, e outros seis en residencias da terceira idade eleva a un total de 360 as vítimas totais da pandemia do COVID-19 en Galicia.

Segundo informa a Consellería de Sanidade, o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) acumulou tres destas novas mortes. En concreto, trátase dunha muller de 73 anos e dous homes de 87 e 88, respectivamente. Ademais, faleceu un home de 79 anos ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), outro de 84 no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF), un home de 80 anos ingresado no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) e outro de 87 no Hospital da Mariña, en Burela (Lugo).

O cómputo de vítimas en hospitais sitúase, así, en 281 desde o inicio da pandemia. Deles, 82 producíronse na área sanitaria da Coruña, 58 na de Vigo, 54 en Ourense, 38 en Santiago, 18 en Ferrol, 19 en Lugo e 12 falecidos na de Pontevedra.

MORTOS EN RESIDENCIAS

En canto ás residencias, o último parte de Sanidade recolle que ao longo do sábado producíronse no interior destes centros un total de seis mortes de usuarios con COVID-19, que elevan a 79 o cómputo total dos xeriátricos.

Trátase de dous residentes da nosa Señora da Esperanza, en Ourense; un do centro DomusVi Matogrande da Coruña; outro na DomusVi San Lázaro de Santiago; un na residencia As Fragas, en Pontedeume (A Coruña); e outro no Divino Maedtro de Ourense.

Do total de 360 falecidos pola pandemia, polo menos 154 son mortes vinculadas con centros residenciais. É dicir, se 79 faleceron nas propias residencias, outras 75 persoas usuarias destes centros fixérono en hospitais ou nas chamadas residencias integradas.

Unha ambulancia na entrada do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña.. M. Dylan - Europa Press
Unha ambulancia na entrada do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña.. M. Dylan - Europa Press

CONTAXIOS

Por outra banda, Galicia rexistra 5.883 casos activos de coronavirus en todo o territorio, 136 diagnósticos máis que onte, o que supón un incremento maior que o rexistrado o sábado e que este domingo se sitúa en +2,3%.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade precisou esta información a través dun comunicado, no que envorca datos que revelan que nas últimas 24 horas detectáronse máis casos que na xornada pasada, cando se sumaron 116 á lista de afectados.

Na actualidade, os 5.883 casos activos atópanse distribuídos por áreas sanitarias da seguinte maneira: A Coruña rexistra 1.228 afectados (+59 respecto ao sábado), Ourense ten 1.154 (+25), Vigo conta con 1.078 (-7), Santiago contabiliza 973 (+10), Lugo descende a 591 (-1), Pontevedra conta con 482 (-1) e Ferrol suma 327 (+1).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta