Un IES facilita portátiles ao alumnado sen recursos para garantir a igualdade no confinamento

O IES de Valga asegura que todos os nenos e nenas poidan acceder á Aula Virtual dende as casas grazas a unha compra de computadoras que fixo hai un tempo para o alumnado con necesidades.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/04/2020 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

A teledocencia abre unhas fendas entre o alumnado que a educación presencial non deixaba tan latentes. A Confederación Galega de ANPA (Confapa-Galicia) foi quen de poñer cifras a estas desigualdades: case un terzo das familias galegas con crianzas escolarizadas carecen de acceso a redes apropiadas e aos medios necesarios para poder terminar o curso de forma telemática. Unha situación que, aseguran, "pon en dúbida o precepto constitucional de acceso universal á Educación".

Un neno e unha nena estudan dende a casa.
Un neno e unha nena estudan dende a casa.

Con todo, hai centros educativos que, por propia iniciativa, tentaron mitigar esta fenda dixital e garantir así a igualdade de oportunidades na educación do alumnado durante o confinamento. É o caso do IES de Valga , que a finais do ano pasado decidiu mercar dez computadores portátiles para emprestar ao alumnado con necesidades. Por iso mesmo, grazas á ollada previsora dos docentes, neste contexto de confinamento todas as casas contan agora cos medios necesarios para poder seguir o fío das materias a través da Aula Virtual do centro.

Relata a directora do colexio, Loli Rego, que xa o día 13 - último día en que a cativada puido asistir ás aulas - oito alumnos levaron ordenador para a casa. "Agora puxémonos en contacto co Concello para facilitar os dous que quedan mais os tres que nos facilitou a Consellería", relata. O certo é que os ordenadores non sobran e menos no medio rural. 

AS DIFICULTADES DA TELEDOCENCIA

Aínda que todas as familias deste centro teñen agora á súa disposición os recursos técnicos precisos para a teledocencia, segue resultando complicado xestionar unha educación online que vai "a dúas velocidades", como definían as ANPA galegas nun dos seus comunicados. "O profesor responsable da Aula Virtual estivo matriculando todo o alumnado e actualizando os perfís, pero iso non significa que despois eles sexan capaces de moverse pola Aula Virtual", explica a directora. "Non é o mesmo un alumno de Bacharelato ca un alumno de primeiro da ESO".

Se ben asegura que "non houbo grandes incidencias", ás veces reciben chamadas de nais e pais que preguntan como acceder á Aula Virtual ou como realizar as actividades. "Para os pequenos non está sendo fácil, pero o profesorado está moi implicado e mesmo graba clases desde a casa", conta Rego. Ante unha situación imprevista coma esta e sen procedementos nos que poder ampararse os docentes, cadaquen "vai organizándose como pode", afirma. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta