Os farmacéuticos ofrécense a distribuír máscaras a toda a poboación ao prezo intervido que estableza o Goberno

Insisten na denuncia das prácticas especulativas das que están a ser vítimas as farmacias en relación aos prezos das máscaras. O Sergas distribuirá semanalmente entre os centros sanitarios galegos medio millón de máscaras.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 13/04/2020 | Actualizada ás 17:01

Comparte esta noticia

O Consello Xeral de Colexios Farmacéuticos ofreceu ao Ministerio de Sanidade a distribución controlada de máscaras á poboación a través do cartón sanitario, sen marxe para as farmacias e ao prezo intervido que estableza o Goberno. Ademais, insisten na denuncia das prácticas especulativas das que están a ser vítimas as farmacias en relación aos prezos das máscaras.

Policías reparten máscaras en Salamanca.. POLICIA NACIONAL
Policías reparten máscaras en Salamanca.. POLICIA NACIONAL | Fonte: Europa Press

"Os farmacéuticos fomos os primeiros en pedir ao Goberno que fixase un prezo fixo ás máscaras, para frear a especulación por parte de provedores alleos á canle farmacéutica. Agora ofrecémonos a garantir o seu acceso en condicións de igualdade aos 47 millóns de españois, distribuíndoas a marxe cero. É dicir, sen ningunha ganancia nin beneficio para a farmacia, nas condicións e prezo que fixe que Goberno. Sería a mellor solución, porque as 22.000 farmacias son o recurso sanitario máis numeroso de España, sen cita previa, nin lista de espera", comentou o presidente dos farmacéuticos, Jesús Aguilar.

Ademais, reivindicou que estes profesionais sanitarios están a realizar un labor sanitario "de primeira magnitude, entregando os medicamentos no domicilio dos pacientes máis vulnerables, aconsellando e tranquilizando diariamente a miles de cidadáns que non poden acudir aos centros de saúde, e garantindo a prestación farmacéutica desde a primeira liña de asistencia".

"Todo este gran traballo non se pode ver embazado pola especulación e o incremento abusivo e inxustificado de prezos, que vimos diariamente denunciando, de provedores que non operan na canle farmacéutica. Queremos que se interveña xa o prezo, e que o Ministerio responda o ofrecemento da rede de farmacias", concluíu.

REPARTO MÁSCARAS SERGAS

O Sergas distribuirá semanalmente entre os centros sanitarios galegos medio millón de máscaras, cuxo uso aconsella ao persoal sanitario cando se atopen en espazos de traballo nos que sexa "imposible" matener a distancia aconsellada de dous metros para previr contaxios.

Nun comunicado, a Consellería de Sanidade informa que este luns trasladou aos traballadores do Servizo Galego de Saúde unha serie de indicacións para o uso de máscaras cirúrxicas e equipos de protección respitaria. Así, o Sergas non recomenda o uso de máscaras en zonas nas que poida respectarse esta distancia de seguridade para incidir na idea de "protección aos outros traballadores e non tanto da autoprotección do portador da máscara".

Deste xeito, define isto como "un acto solidario cos outros para limitar a posibilidade de transmitirlles o virus no caso de estar infectado sen manifestar síntomas aínda". Con todo, o Sergas insiste en que deben seguirse as demais recomendacións para evitar contagios, como manter a distancia de dous metros, a hixiene constante das mans e a limpeza a fondo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 María

Os primeiros en especular son eles, alguns farmacéuticos, onde ademais de dar distintos prezos polas mesmas mascarillas, éstas proceden de Amazon ou sitios similares e as venden como homologadas por 10 veces máis do seu prezo. Estafa!