Os dous primeiros curados con coronavirus en centros para discapacitados en Galicia

Trátase de dúas persoas da residencia Santa Cruz da Fundación San Rosendo, en Ourense.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2020 | Actualizada ás 17:07

Comparte esta noticia

A lista de contaxios de coronavirus en centros de persoas con discapacidade rexistrou un lixeiro descenso despois de que os dous únicos usuarios que deran positivo na residencia Santa Cruz da Fundación San Rosendo, en Ourense, xa están curados.

Residencia Santa Cruz
Residencia Santa Cruz | Fonte: Fundación San Rosendo.

Aínda así, segundo o balance publicado este luns pola Consellería de Política Social con datos actualizados a última hora do domingo, aínda son 91 os usuarios e 74 os traballadores destas instalacións que contraeron COVID-19 en toda Galicia.

O Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela continúa como principal foco con 36 residentes que deron positivo en coronavirus. Seguen a este o centro Amicos de Boiro, con 19 infectados, e a DomusVi de Bóveda, con 16.

Ademais, rexístranse oito usuarios con coronavirus no CAPD de Sarria, tres no CAPD da Coruña, tres na residencia Dano Cerebral Cruz Vermella de Castro de Rei e outros tres en Aixiña, en Ourense. Tamén hai casos individuais en Aspronaga da Coruña, en Souto de Leixa de Ferrol e na residencia Fudace de Castro de Rei.

En canto aos 74 traballadores infectados, o grupo máis numeroso tamén está no CAPD de Redondela, cun total de 20 persoas do persoal con coronavirus. Seguen a estas instalacións as do CAPD de Sarria (15) e as de Amicos de Boiro (11) e DomusVi Bóveda (11).

Tamén hai empregados contaxiados de COVID-19 no Centro Imserso de Ferrol (5), no CAPD da Coruña (2), en Aixiña Ourense (2) e casos individuais a residencia Souto de Leixa de Ferrol, a Coral Seoane da mesma cidade, na residencia San Vicente de Paúl de Lugo, na Vivenda Tutelada Ágora de Monforte, no centro Santa Cruz de Ourense, na Santa María de Rosende tamén de Ourense, na residencia Monterrei S. Rosendo de Pereiro de Aguiar e no APAMP de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta