Humor na corentena con Alberte Montes

O actor, cómico e guionista escribe '#5 Aldea' na súa sección 'CONFINAR FELIZ', un diario sobre o confinamento.

Por Alberte Montes | BARCELONA | 15/04/2020 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Sinceramente xa non sei de que escribir. Hoxe é igual que onte e será igual mañá. E ademais acostumámonos. A teoría dos 21 días di que chegan tres semanas facendo algo a diario para adquirilo como hábito. Neste caso, estar pechado na casa sen poder saír, “tomando o sol” ás primeiras horas do dia arrimando unha randeeira barata a un estreito balcón. E POUCO MÁIS.

Alberte Montes.
Alberte Montes.

Non traballo. Non podo traballar. Non sei cando poderei volver ó traballo. Cando non traballo diante dun público (en espectáculos de teatro ou bares), traballo con grupos humanos amplos (en rodaxes, na televisión). Algo que si que podo facer durante o confinamento, de feito danse as condicións óptimas, é escribir. Cargarme de chistes malos para saír de aquí con munición suficiente para volver facer das miñas por aí adiante. Que ganas!

Escribo e tamén leo. Libros. Enteiros. Cousas boas da confinallada. E xa que está todo Dios recomendando libros estes días, non vou ser eu menos: Os días felices de Benvido Seixas de Eduard Velasco (Xerais) e Infelices de Javier Peña (Blackie Books). Ámbolos dous tratan as relacións humanas, pero de diferente e finísimo xeito.

"Secuestrada a primavera, xa estou pensando no verán".

O feito de non traballar tenme negro, non volo vou negar, pero eu sempre fun máis de ocio que de choio, chamádeme louco. Secuestrada a primavera, xa estou pensando no verán. Que pasa co verán? Ímolo ter? Que pouco envexamos agora ós veciños con casa en primeira liña de praia. Tan preto e tan lonxe. Ai...

Este sería o meu primeiro verán sen aldea en trinta e tres anos. Algo histórico. Perderme as verbenas de agosto, o botellón na aira vendo estrelas, o pulpo da feira, os baños no río, os veciños dicíndome o moito que engordei este ano... Ben, igual non é tan mal plan quedar na casa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta