En Marea acusa a Feijóo de "fuxir das súas responsabilidades" sobre as residencias

Galicia En Común ve unha "medida histórica a nivel europeo" a creación do ingreso mínimo vital. O BNG pide aclarar que ocorrerá cos alumnos de 2º de Bacharelato e as probas de acceso á universidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2020 | Actualizada ás 15:20

Comparte esta noticia

En Marea acusou o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, de "fuxir das súas responsabilidades" sobre a situación nas residencias de maiores, onde se concentran "o 42%" das mortes con coronavirus.

Nun comunicado, o partido representado no Parlamento galego polo grupo mixto, que rexistrou xunto co resto de grupos da oposición unha petición para que Feijóo compareza na Cámara, afea ao mandatario autonómico que "escape ao control" do resto de forzas políticas "mentres consome horas na televisión pública en horario de máxima audiencia".

En Marea presentou unha serie de propostas para facer fronte á crise do coronavirus, que cren necesario afrontar "a todos os niveis", desde o sanitario --campo no que critican a xestión da Xunta por non dotar de material o persoal sanitario ou rescindir o contrato de enfermeiras-- a outros ámbitos como as emerxencias, a educación, a igualdade ou os coidados.

O deputado Davide Rodríguez incidiu na importancia do sector agrario e gandeiro, xa que, de non existir, "o abastecemento cortaríase", polo que fixo un chamamento ao "consumo nos mercados de proximidade como medio de apoio ás economías locais".

Ademais, insta a Xunta a desenvolver "integramente" lei de emerxencias e potenciar os corpos civís "fronte á militarización das crises sanitarias". No ámbito educativo, propón a creación dun "plan integral de mellora da calidade de vida de nenas, nenos e adolescentes durante o estado de alarma".

Por último, En Marea solicita á Administración que acometa a regulación dos prezos o aluguer e, no referente á Xunta, expón a creación dun consorcio de vivendas sociais en réxime de aluguer.

Davide Rodríguez e Antón Sánchez (En Marea). REMITIDA
Davide Rodríguez e Antón Sánchez (En Marea). REMITIDA

GALICIA EN COMÚN

O deputado de Galicia En Común-Unidas Podemos no Congreso Antón Gómez-Reino celebrou o anuncio de que o Goberno prevé pór en marcha a partir de maio o ingreso mínimo vital, unha "medida histórica, non só no Estado, senón a nivel europeo".

Nunha rolda de prensa telemática ofrecida desde o Congreso, Gómez-Reino destacou que esta renda na que traballa o Goberno de coalición que forman PSOE e Unidas Podemos "pretende estenderse no tempo" e ir máis aló da cobertura ás familias en situación vulnerable durante a crise do coronavirus.

"En situacións como esta, as administracións públicas e os gobernos teñen que construír un escudo social para que ninguén quede atrás", incidiu o deputado sobre o ingreso mínimo vital.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o vicepresidente segundo de Dereitos Sociais, Pablo Igelsias, pactaron pór en marcha xa no mes de maio o Ingreso Mínimo Vital no que está a traballar o Ministerio de Inclusión e Seguridade Social de José Luís Escrivá, coa colaboración do departamento do líder de Unidas Podemos.

BNG

Pola súa banda, a portavoz adxunta do BNG no Parlamento e responsable da área de educación, Olalla Rodil, volveu a esixir este xoves a comparecencia da conselleira de Educación, Carmen Pomar, para, entre outras cuestións, aclarar que ocorrerá cos alumnos de 2º de Bacharelato e as probas de acceso á universidade.

Nunha valoración remitida aos medios tras a conferencia sectorial deste mércores, na que se acordou que os alumnos pasen de forma xeneralizada de curso e só avaliar as materias abordadas ata o estado de alarma, Rodil tamén reclamou que se diga "a data real" das oposicións de Educación, previstas para xuño.

Neste sentido, lembrou que o Bloque é partidario de suspendelas ata 2021, con "garantías" de que se repita o mesmo número de prazas por cada unha das especializadas e sumar á convocatoria as que correspondan pola taxa de reposición.

Para os nacionalistas, "se algo puxo en evidencia" a pandemia do coronavirus, non só é a "fenda dixital", senón tamén a "económica". "E non é de recibo que se vexa prexudicado", dixo, e alumnado con máis dificultades. A deputada nacionalista avisou de que a conselleira de Educación "ten que tomar decisións importantes" nos próximos días, polo que lle reclamou "deixar de botar balóns fóra". "É urxente que aclare a situación dos alumnos de segundo de Bacharelato e os contidos das probas de acceso á Universidade", sinalou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta