Temas: IMPOSTOS XACOBEO

A Xunta quere que se apliquen desgravacións polo Xacobeo ata 2022

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, solicitou este xoves ao Goberno central que amplíe ata o ano 2022 as desgravacións fiscais previstas para o Xacobeo 2021 como acontecemento de excepcional interese público, unha medida que, por agora, abarca só ata o 30 de setembro de 2021.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2020 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, solicitou este xoves ao Goberno central que amplíe ata o ano 2022 as desgravacións fiscais previstas para o Xacobeo 2021 como acontecemento de excepcional interese público, unha medida que, por agora, abarca só ata o 30 de setembro de 2021.

O representante da Xunta fixo esta proposta no marco dunha videoconferencia co ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, o resto de comunidades autónomas e a Federación Española de Municipios e Provincias (Femp).

Esta decisión, explicou Román Rodríguez, permitiría "seguir estimulando as achegas privadas e captar máis recursos", o que, á súa vez, repercutiría en beneficio dos proxectos culturais e turísticos. "O Xacobeo, como elemento de reactivación económica, é unha oportunidade única para a cultura", destacou.

Do mesmo xeito, Román Rodríguez lembrou tamén a petición xa formulada de convocar un Consello Xacobeo extraordinario "para avaliar a situación do Camiño de Santiago" que, ante a proximidade do Ano Santo, "debe actuar como un motor de reactivación económica para as industrias creativas e a dinamización das zonas rurais".

MEDIDAS E NECESIDADES ESPECÍFICAS

No marco deste encontro, o titular de Cultura da Xunta presentou un paquete de medidas en materia fiscal e financeira, laboral ou de fomento do consumo, e trasladou as necesidades específicas do sector cultural da Comunidade, recollidas nas últimas semanas a través dunha rolda de encontros.

Román Rodríguez tamén puxo de manifesto a vontade de Galicia de colaborar co Pacto de Estado anunciado polo ministro e incidiu na necesidade de que estea dotado economicamente por parte do Executivo central. Neste sentido, pediu ter en conta a todas as administracións públicas, "dado o relevante peso que concellos e deputacións provinciais teñen tamén no gasto público nesta materia".

O conselleiro avanzou ante o ministro que Galicia está a traballar xa nun plan de reactivación para a saída da crise do COVID-19, para o cal se prevén 25 millóns de euros no conxunto do seu departamento.

"A nosa prioridade é manter o emprego ante o parón experimentado", dixo Rodríguez, que reclamou ao ministro traballar "con antelación e planificación suficiente para que o sector poida tomar as súas decisións coa máxima información posible".

PROPOSTAS DE ÁMBITO ESTATAL

Na súa intervención, Román Rodríguez formulou unha serie de propostas, de ámbito e competencia estatal, en beneficio do sector, que serán ampliadas nunha carta ao ministro. Entre elas, está unha liña de financiamento para as industrias culturais e creativas e un fondo que mellore a competitividade, innovación e transición dixital das empresas.

Así mesmo, puxo sobre a mesa a posibilidade incrementar o 1,5% Cultural, destinado a rehabilitación do patrimonio, ata o 2%, e que a súa xestión, actualmente no Ministerio de Transportes, pase a depender de Cultura e Deporte.

No campo fiscal, solicitou reducións progresivas do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) en edificacións privadas dedicadas ao uso cultural e no Imposto de Sociedades, así como unha nova lei de mecenado, que favoreza a participación de particulares e empresas privadas no financiamento de accións culturais, vinculado a un programa de beneficios fiscais.

A maiores, solicitou tamén atender a situación particular de traballadores sen contrato estable, que necesitan dun marco regulatorio, e o incentivo do consumo a través de iniciativas como un bono cultural, "en cuxo deseño xa traballa Galicia".

Román Rodríguez lembrou que é "esencial" traballar con previsión, xunto ás autoridades sanitarias, no desenvolvemento de protocolos para a súa aplicación a empresas, recintos e actividades culturais na volta a normalidade, co obxectivo de que ofrezan as máximas garantías de seguridade e hixiene tanto aos usuarios como aos propios traballadores.

Padrón
Padrón | Fonte: camino.xacobeo.es

Temas: IMPOSTOS XACOBEO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta