A Xunta revende a prezo de custo máis de 350.000 máscaras para pemes e autónomos

Nunha semana, a Administración autonómica redistribuiría este material.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2020 | Actualizada ás 15:28

Comparte esta noticia

O plan da Xunta para revender as máscaras a sectores que realizan traballos e que teñen dificultades para acceder a este material supón que, nunha semana, a Administración galega redistribuiría entre pequenas e medianas empresas unhas 350.000 máscaras, a través de clústeres e asociacións de empresarios.

Reunión do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, con clústeres e asociacións de empresarios para a redistribución de máscaras
Reunión do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, con clústeres e asociacións de empresarios para a redistribución de máscaras | Fonte: Europa Press

O prazo para presentar as peticións finalizou este mércores, na semana que supuxo o reinicio de actividades non esenciais. Desta forma, como explicou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, facilítase este material de protección a colectivos que non conseguirían acceder a el debido á escaseza no mercado.

Tras un encontro con clústeres e asociacións que se dirixiron á Xunta —Asociación Galega de Empresas de Enxeñaría, Consultoría e Servizos Tecnolóxicos (Ageinco) e a Asociación Cluster do Naval Galego (Aclunaga)—, e no que tamén participaron o conselleiro de Economía, Francisco Conde, Alfonso Rueda explicou que en "diversos sectores non había ningunha previsión para ter ese material", polo que a Xunta actuou "desde o primeiro momento" para facilitar esta protección e "ofreceuse a prezo de custo".

"Xa están nos diferentes destinos, a disposición de pemes e autónomos, que as poidan usar", destacou o vicepresidente da Xunta, quen concretou que nos próximos dous días a cifra de repartición será de 900.000 e a distribución alcanzará, a semana que vén, os dous millóns de máscaras.

Así, Alfonso Rueda remarcou que estes pequenos empresarios poderán dispor de máscaras a "un prezo sensiblemente inferior" do prezo de mercado, á espera de que se "regularice" nas próximas semanas para que poidan adquirilas sen ter que pasar pola Administración.

"Estamos a cumprir un labor fundamental, a xente que se incorporou ao traballo non podía facelo sen o material de protección", aseverou Rueda, quen asegurou que se lles cedeu este material "sen descoidar as residencias de maiores e a sanidade", que "seguen sendo" a prioridade.

MEDIDA APROBADA NO CECOP

Este sistema de distribución foi un dos puntos aprobados o pasado luns no seo da quinta reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), no que se indicou que o Goberno galego fornecerá máscaras ás empresas e os autónomos que o soliciten.

Este material chegará a sectores como o alimentario e as distribuidoras, a metalurxia, a construción, enxeñaría, madeira, lousa e granito, enerxías renovables, cooperativas agrarias, call center, autónomos e comerciantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Saviñou

Marca PP... Nin cunha pandemia son quen de deixar de pensar no seu único deus: o carto. Logo, ven que chegan a todas as casas os magníficos sobres a toda cor e en bo papel da súa mentireira propaganda electoral... Non son peseteiros, son boitres.