O futuro do lobo, só en congresos

Logo de aprobar un plan de erradicacion de cánidos e lobos no Barbanza, a Xunta apoia a celebracións de congresos para "estudar" como conservar esta especie.

Por Galicia Confidencial | Ribeira | 02/12/2012 | Actualizada ás 10:54

Comparte esta noticia

Hai uns meses, GC facíase eco, coa colaboración da asociación Axena, das numerosas mortes lobos que tiñan lugar na serra do Barbanza. A Xunta de Galicia atopou nunha suposta existencia de híbridos (cruzamento de lobo e can), unha nova coartada para continuar coas matanzas de cánidos nos montes do Barbanza. Aprobou un plan, que se puxo en marcha en marzo de 2012, no que encargaba aos cazadores do lugar o exterminio da suposta poboación de híbridos. Segundo eles, non o facían para liquidar aos lobos, senón para protexer "a pureza da especie".

Manifestación en Santiago en contra das matanzas de lobos no Barbanza
Manifestación en Santiago en contra das matanzas de lobos no Barbanza | Fonte: Axena

Precisamente, co obxectivo de preservar "a pureza" desta especie, o director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, inaugurou a pasada fin de semana o III Congreso sobre o lobo ibérico anunciando que unha das obrigas e deberes das administracións é xestionar axeitadamente a conservación do lobo, tratando de compatibilizala cos diferentes intereses que conflúen no territorio.

Autorización de batidas

Curiosamente, foi o propio García-Borregón o que hai meses autorizaba estas batidas no Barbanza e deixaba en mans dos cazadores a erradicación de lobicáns e lobos a pesar de recoñecer que técnicamente era posible capturar vivos aos animais.

Pero neste congreso, o director xeral de Conservación da Natureza non falou dos lobos do Barbanza, nin dos lobos que aínda sobreviven nas serras galegas, senón da importancia que teñen estes encontros para "acadar conclusións fundamentais para continuar avanzando no estudio da especie e a mellora das liñas de xestión".

Lobo morto con lazo no Barbanza
Lobo morto con lazo no Barbanza | Fonte: Axena

Por iso, indicou que con este espírito e, coa necesidade de establecer liñas e mecanismos para unha correcta xestión da especie, desde a Xunta de Galicia estanse a seguir as directrices do Plan de Xestión do Lobo actualmente en vigor. Este plan ten o obxectivo fundamental de manter nun estado de conservación favorable e conseguir un aceptable nivel de conflitividade entre os diferentes intereses que conflúen na súa contorna. Uns intereses que, como se soubo no Barbanza, están para favorecer determinadas iniciativas empresarias.

A empresa do Barbanza

E é que, como denunciou Axena, nas dependencias da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), asinábase o pasado 1 de xuño un acordo de cesión de 200 hectáreas de terreo da Comunidade de Montes de Baroña (que solicitaran batidas contra os lobos) ao empresario austríaco Andreas Rohregger para a cría ecolóxica de gando ovino, vacún, porcino e avícola.

En xullo de 2012 este cidadán austríaco constituía, cun capital social de 3.006 euros, a empresa Gandaría Terra Celta SL para a cría de gando neses 2.000.000 de metros cadrados cedidos pola Comunidade de Montes de Baroña.

E a Xunta insiste nas axudas e nos protocolos

"Na pasada lexislatura mantivemos liñas de axuda para compensar danos e para a prevención, así como para abrir liñas que axuden a coñecer mellor a evolución ecolóxica desta especie", dixo na inauguración dese congreso García-Borregón. 

E, a xeito de exemplo, enumerou os estudos sobre os hábitos alimenticios, o desenvolvemento de mecanismos necesarios para previr, detectar e combater os casos de envelenamento; protocolos de recollida de información sobre os danos producidos, comisións provinciais de valoración e maior coñecemento do uso do espazo da especie mediante seguimento vía sistemas GPS-GSM. Uns protocolos que, curiosamente, ignorou cando deu o visto e prace ás matanzas de cánidos e lobos no Barbanza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Lobicidio

No Barbanza a empresa de Luis Llaneza, Arena Asesores en Recursos Naturales, puxolle un colar Gps a un lobo. Este animal foi abatido, con outros dous lobos ibericos mais, supostamente nunha batida ilegal. E o que teñen os colares localizadores, son cojonudos para conducir aos cazadores ata as manadas. En canto ao III Encontro do lobo que argallaron en Lugo, vergoñento intento de lavar a cara dos que exterminaron aos lobos do Barbanza. Isto é como poñer aos raposos a falar de como coidar as galiñas.