“O 20% dos mortos en todo Ourense son deste centro”, din familiares de maiores de Nuestra Señora de la Esperanza

Familiares de usuarios piden a intervención da residencia Nuestra Señora de la Esperanza ante o elevado número de persoas falecidas. A Fundación San Rosendo descoñece os motivos á espera dos novos test masivos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/04/2020 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

Parentes de usuarios da Fundación San Rosendo quixeron coñecer a situación actual das persoas afectadas polo coronavirus. Non obstante, sinalan o hermetismo e silencio da institución ante as preguntas sobre o estado dos usuarios e usuarias.  “A única información que podemos ter é grazas a intermediarios que teñen coñecidos traballando nesa residencia” di Moisés Cid, familiar dunha usuaria, agora ingresada no CHUO.

Técnico de ambulancias disposta a entrar nunha vivenda cun posible caso de coronavirus
Técnico de ambulancias disposta a entrar nunha vivenda cun posible caso de coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez.

Intentaron contactar con persoal do centro mais din que estas persoas non transmiten ningún tipo de información. Aínda así, as condicións parecen ter mellorado en canto comunicación cos familiares ingresados. “As vídeochamadas melloraron, agora chamas e resérvanche unha hora para falar cos teus parentes, iso era o que pediamos ao principio”.

Sobre as condicións internas da residencia, as únicas noticias que teñen os familiares son relativas a unha mellora sobre o material de seguridade, mais o persoal reduciu o seu número de efectivos. “Pode haber dúas persoas para atender o traballo que facían catro” sinalan fontes dos familiares. Ademais, só hai dous médicos para atender a todos os usuarios da residencia, moitos e moitas grandes dependentes. 

“Algo moi estraño acontece nesa residencia cando temos calculado que o 20% das mortes en Ourense provincia, veñen de Nuestra Señora de la Esperanza” di Moisés Cid. “Os números indican que hai entre 78 e 82 mortos na provincia, só na residencia a cifra vai entre os 18 e os 20”. E estes sen contar os que faleceron no hospital, polo que a cifra podería incrementarse moito máis.

As últimas cifras das que dispuxo Galicia Confidencial apuntaban case 20 falecidos relacionados coa residencia da Fundación San Rosendo. “Falamos de que un de cada cinco mortos vén desa mesma residencia” sinala Cid. Os últimos datos dos que dispoñen as familias é que dentro das instalacións da Esperanza hai 102 persoas afectadas. As que deron negativo están dentro dun local á parte.

Ante semellante situación, hai familiares que non lle ven explicación á falta de intervención da Xunta de Galicia nesta residencia. “A intervención da residencia do Barco xustificouse pola falta de persoal e incumprimento de protocolos de seguridade” di Moisés. “Non obstante, con máis de cen persoas contaxiadas, cunha evidente falta de persoal e unha alta taxa de falecidos, Nuestra Señora de la Esperanza non é intervida” di este familiar de usuaria.

A partir do pasado día 6 de abril houbo cambios na dirección do centro. “Estabamos contentos co trato que lle daban as auxiliares aos nosos familiares, mais cando chegou todo isto e vimos como actuaban os responsables, perdemos a confianza na dirección” destaca Moisés Cid.

Cando comezaron a aparecer os casos de coronavirus na residencia, unha das familiares quixo falar co bispado. De maneira extraoficial puido contactar cun voceiro da institución eclesiástica. Ante a pregunta de que estaban facendo desde o bispado ourensán para mellorar a situación dos e das usuariuas, a resposta foi que “facemos canto podemos, rezamos moito por eles”.

FUNDACIÓN SAN ROSENDO

Desde a Fundación San Rosendo, que dirixe a residencia Nuestra Señora de la Esperanza, comunicouse que a dirección de dita fundación non corresponde ao bispado de Ourense. A fundación é unha organización sen ánimo de lucro cun padroado detrás onde tampouco figura o bispado ourenán.

Unha das polémicas apuntadas por familiares é o "hermetismo" de San Rosendo e o illamento das persoas internas sen contacto con familiares. "Tomouse a decisión de pechar as residencias aos familiares a partir do 9 de marzo para evitarmos contaxios", di a Fundación. De aí que só se puidese realizar comunicacións con vídeochamadas.

"Nós chamamos á persoa que figura como referencia da familia, non podemos transmitir información a outras persoas, sería vulnerar a lei de protección de datos" sinalan desde San Rosendo. Con todo, informan que unha vez se comunican coa persoa de referencia, non saben que pode pasar con esa información.

A fin de semana do 21 e 22 de marzo realízanse os primeiros tests tendo como resultado a primeira pesoa que dá positivo en COVID-19. A partir de aí a Fundación ten que seguir os protocolos de Sanidade. Os residentes son separados en catro grupos: positivos, contaxiados, con síntomas e asintomáticos. Isto en cada andar da residencia.

Entre o 4 e 5 de abril realizáronse os tests masivos. O resultado foi un 60% dos usuarios deu positivo en COVID-19, o 32% dos traballadores tamén deu positivo. A Fundación decide trasladar entre o 5 e o 6 de abril aos usuarios que deran negativo á residencia Santa María, que acollía persoas con discapacidade. Estas últimas foron trasladadas a outras instalacións. En Nuestra Señora de la Esperanza quedaron as persoas con positivo en COVID-19.

Doutra parte, a Fundación sinala que as autoridades sanitarias comunicaron que esta fin de semana, 18 e 19 de abril, realizarían novos tests para coñecer a situación actual das persoas usuarias.

Preguntados pola forte incidencia da enfermidade en Nuestra Señora de la Esperanza, din descoñecer o motivo. "Estamos aplicando os mesmos protocolos en todas as residencias da Fundación, mais ata que non se faga unha análise profunda descoñecemos os motivos". Noutros centos a incidencia da COVID-19 é moito menor.

"Debemos ter en conta que a media de idade en la Esperanza é de 87 anos e moitas desas persoas teñen patoloxías previas, deterioros cognitivos graves e todo isto pode acelerar o proceso de contaxio".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta