Ciudadanos propón un "pacto de reconstrución post COVID-19" entre os partidos galegos

Beatriz Pino apela a dar unha "resposta consensuada, valente e sólida" deixando ao carón os "partidismos, personalismos ou receitas ideolóxicas".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/04/2020 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

A portavoz de Ciudadanos Galicia, Beatriz Pino, propuxo crear unha "mesa de traballo" entre os partidos para elaborar o que chamou un 'Pacto da Reconstrución' "post COVIDD-19" que axude a "afrontar a situación complicada e extraordinaria" que provocou esta crise sanitaria.

Beatriz Pino
Beatriz Pino | Fonte: Europa Press

Así o destacou este venres a líder do partido en Galicia, quen asegura que "todos os partidos" deben "compartir libremente e de forma aberta a súa iniciativa e propostas" para tratar de chegar a unha "resposta consensuada, valente, sólida e desde a unidade que esixe esta crise".

A idea do partido laranxa é que esta mesa pivote ao redor de tres eixos principais: "salvar vidas, reactivar a economía e garantir a protección social", subliñou, e que ademais marque "as liñas de actuación a pór en marcha para este pacto da reconstrución. Considera que hai que traballar por ela "urxentemente" e asegurar "o maior consenso posible".

Desde a súa postura opina que "debe ser unha mesa de traballo sen partidismos, personalismos ou receitas ideolóxicas" debido á "situación excepcional" que supón esta crise sanitaria.

En canto á forma de proceder para abordar este plan, Pino suxeriu "distribuír o traballo en distintas mesas sectoriais, cunha comisión de seguimento" dos pactos para coordinar e revisar o cumprimento das medidas que se adopten.

TRES EIXOS

Por outra banda, a líder do partido laranxa especificou os temas que pretende pór sobre a mesa. Por un lado elaboraríase un Plan Urxente de Continxencia Sanitaria para "asegurar a subministración de equipamentos sanitarios, sistemas de protección, test masivos entre poboación e garantir a volta á actividade en vilas e cidades" durante o proceso de desescalada.

Ao mesmo tempo, apunta a un Plan Estratéxico de Reactivación da Economía para salvar empregos e conservar o "tecido empresarial" a través de "distintas axudas a pemes e autónomos".

Por último, propón un Plan de Protección Social que "non deixe a ningún galego atrás" e que "protexa ás familias fronte ao desemprego e a diminución dos seus ingresos", sobre todo dos "máis vulnerables".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta