Nace #PonteLovers, a campaña para recuperar o latexo da cidade de Pontevedra tras a COVID-19

O Concello de Pontevedra pon en marcha unha plataforma para impulsar o reinicio das actividades comerciais de proximidade, liderada por hosteleiros, comerciantes e empresarios.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2020 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

"Fomentar o consumo nos comercios e negocios de hostelería da nosa cidade, axudar a compensar as consecuencias do confinamento nos sectores comerciais e de lecer a nivel local e reiniciar a vida social e económica de Pontevedra". Estes son os obxectivos cos que nace #PonteLovers, unha plataforma impulsada polo Concello de Pontevedra en colaboración cos propios hosteleiros, comerciantes e empresarios da cidade.

Imaxe promocional de #PonteLovers
Imaxe promocional de #PonteLovers | Fonte: Facebook PonteLovers

Dende a Concellería de Promoción Económica e Turismo, buscan que a iniciativa se traduza nunha "potente campaña publicitaria" que se fará visible a través de redes sociais, medios de comunicación, puntos de venda e soportes exteriores, e que se desenvolverá ao longo de tres fases diferentes (en función da duración das medidas do estado de alarma): a inicial, ata o remate do confinamento; a segunda, a máis intensa, nas primeiras semanas de vida ‘normal’, e unha última, de estabilización.

VÍDEOS PARA IMPULSAR O COMERCIO DE PROXIMIDADE

A acción inaugural deste plan municipal, deseñado en colaboración coa firma especializada Carta Blanca, consiste na difusión dunha batería de vídeos domésticos protagonizados, ademais de pola propia concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, por profesionais que contan con sona e recoñecemento na economía de Pontevedra, esencialmente empresarios e empregados dos sectores da hostelería e o comercio.

Entre os ‘buques insignia’ que lideran a plataforma #PonteLovers atópanse nomes propios como Ramón Pedras ‘Petete’, de La Cata; Andrés Acuña, de Panaderías Acuña; Roberto Juncal, de Juncal Alimentación; Francesco Iannelli, de Il Piccolo; David Barber, de Crazy-Barber; Raúl Facciola, da Crêperie Cre-Cottê; Gonzalo Rodríguez, de El Club del Café; David Sobral, de Queixo e Aparte, ou Lourdes Rodríguez, de El Dulce de Leche. 

A eles irán sumándose nas vindeiras semanas outros rostros coñecidos do mundo deportivo, o pequeno comercio e o tecido empresarial pontevedrés e, en xeral, todo aquel que queira aportar o seu gran de area a esta iniciativa de recuperación da vida social e económica.

Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica, sinala que “baixo o lema Reinicia Pontevedra, este proxecto busca que todos os pontevedreses nos poñamos en pé, unamos forzas e emprendamos un camiño que tamén permitirá salvar vidas, neste caso as deses negocios de proximidade, pequenos comercios, tendas, bares e restaurantes que fan latexar á nosa cidade”. 

SEGUNDA FASE DA CAMPAÑA

De cara á segunda fase da campaña, o Concello traballa xa na elaboración dun "vídeo profesional" que abrirá unha etapa de "intensa publicidade exterior" co deseño de bandeirolas, pancartas e carteis. Os diversos elementos publicitarios irán acompañados por iconas relacionadas co consumo en establecementos hosteleiros e comerciais de proximidade, vencellando a actividade comercial con frases para animarnos a gozar da oferta comercial e de lecer da cidade, informan dende o Concello.

As redes sociais da campaña xa se puxeron a andar. Estas son: Facebook (https://www.facebook.com/pontelovers/), Instagram (@pontelovers) e Twitter (@LoversPonte). 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta