Galicia en Común e o BNG acusan a Feijóo de manipular á TVG e RG: "Son telefeijóo e radiofeijóo"

En Común cre que a CRTVG actúa como "unha costosísima máquina de propaganda" do Goberno de Feijóo. O BNG ve "indecente" que "nun contexto excepcional" como o actual a CRTVG exerza de "gabinete de Feijóo" e "silencie" á oposición

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2020 | Actualizada ás 15:23

Comparte esta noticia

A Televisión de Galicia (TVG) e a Radio Galega (RG), os medios púbicos de Galicia, son "telefeijóo e radiofeijóo". Así o denuncian os grupos da oposición que critican duramente a Alberto Núñez Feijóo de manipular os medios públicos galegos.

Entrevista de Feijóo na Televisión de Galicia ( TVG )
Entrevista de Feijóo na Televisión de Galicia ( TVG ) | Fonte: CRTVG

Así, o portavoz da coalición Galicia En Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, cualificou á CRTVG como "unha costosísima máquina de propaganada" de Feijóo, ao que acusa de construír "unha ferramenta para favorecer os "intereses electorais" do Partido Popular desde os medios públicos.

Gómez-Reino ofreceu unha rolda de prensa este venres, xornada na que se cumpren 100 semanas das mobilizacións de traballadores da CRTVG que, baixo a lema 'Venres negros', protestan pola "manipulación informativa e o control político" que, din, exerce a actual dirección do ente público sobre os contidos da radio e televisión galega.

Tras manifestar o seu apoio a estes traballadores que "desde hai máis de dous anos se manifestan pola liberdade de expresión", o tamén secretario xeral de Podemos Galicia censurou "as represalias" que, di, sufriron "compañeiras e compañeiros que se opoñen a esa maquinaria de propaganda que o Goberno galego quixo construído cos medios públicos".

Para Gómez-Reino, un "exemplo" do "control" político da CRTVG foi o "silencio informativo" sobre a denuncia, sobre a que se fixo eco o pasado xoves a coalición, de que se están producindo "atrasos" no cobro das prestacións por desemprego como consecuencia da ampliación por parte da Xunta do prazo para a tramitación dos Expedientes Regulación Temporal de Emprego (ERTE).

"O tratamento deste asunto na Televisión de Galicia foi cero minutos. Por que non teñen dereito os galegos e as galegas a dispor desa información para formarse unha opinión sobre asuntos esenciais que lles afectan?", preguntouse o deputado de Unidas Podemos no Congreso, que reclamou á Xunta que dote de "independencia" aos medios públicos de Galicia.

"A liberdade de expresión non pertence a ningún goberno, a ningún partido, a ningún editor nin a ningún grupo de comunicación. Pertence ao conxunto da cidadanía", sentenciou Gómez-Reino, que expresou o seu apoio aos traballadores de determinados medios de comunicación que se viron afectado por ERTE ou "situacións laborais difíciles" como consecuencia da actual situación.

BNG

O BNG cualificou de "propaganda para culto dun líder" a cobertura informativa da crise do coronavirus nos medios públicos de Galicia que, segundo a deputada Olalla Rodil, exercen de "gabinete de comunicación" do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, mentres "silencian" ao resto de forzas políticas.

Rodil ofreceu unha rolda de prensa telemática este venres, xornada na que, como lembrou a viceportavoz parlamentaria do Bloque, cúmprense 100 semanas da mobilización de traballadores da CRTVG que, baixo a lema de 'Venres negros', protestan contra "a manipulación informativa e o control político" do ente público.

"O PP converteu a radio e televisión pública no seu terminal de propaganda, de control político e de manipulación", aseverou Rodil, que sinalou ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, como o responsable de exercer este control que, di, practica o Executivo galego sobre o ente desde a a chegada á presidencia da Xunta de Núñez Feijóo.

A deputada nacionalista remarcou que a Televisión de Galicia e a Radio Galega "non son telefeijóo nin radiofeijóo", polo que expresou o seu apoio aos traballadores que participan nos coñecidos como 'Venres negros', algúns dos cales sufriron "represalias" por "mostrarse críticos" coa situación.

Así, Olalla Rodil detívose na cobertura informativa da actualidade nas últimas semanas, marcadas pola crise sanitaria e social provocadas pola pandemia de coronavirus. Para a nacionalista, a CRTVG exerceu de "gabinete" do Goberno autonómico durante este "contexto excepcional" no que "silenciaron" ás forzas da oposición.

Neste sentido, asegurou que, mentres "se silenciaron as sesións" na Deputación Permanente, o presidente autónomico copou "800 minutos de retransmisións" na radio e televisión, medios que, para Rodil, convertéronse en "propaganda para culto dun líder (Feijóo) que se nega a comparecer" ante o Parlamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta