Carmela Silva pide a Feijóo que a Xunta axilice a tramitación dos ERTE

A presidenta da Deputación de Pontevedra esixe "que se cumpra o decreto aprobado polo Goberno de España". O organismo provincial estuda a instalación de cámaras termográficas para controlar a distancia a temperatura corporal das persoas que acoden a algunhas das súas oficinas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2020 | Actualizada ás 16:08

Comparte esta noticia


A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva apremou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que a Administración autonómica axilice a tramitación dos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) que se produciron nos últimos días polo coronavirus.

Nunha videoconferencia de prensa, a presidenta provincial anunciou que leste mesmo venres remitiu unha carta a Núñez Feijóo en relación coa orde da Xunta publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 2 de abril, que duplica o tempo necesario para resolver e notificar os procedementos de suspensión temporal de contratos.

Así, reclamou a Feijóo "que aprobe unha nova orde e que non se dupliquen os días de tramitación dos ERTE en Galicia". De tal forma, esixe "que se cumpra o decreto aprobado polo Goberno de España".

Segundo sinalou a presidenta da Deputación de Pontevedra, o Goberno central autorizou a tramitación exprés de cada ERTE para que se poida facer en tan só cinco días, pero "a Xunta de Galicia decidiu tramitalos en dez, que se converten realmente en quince". Carmela Silva indicou que ese prazo da Xunta "está a significar que hai atraso para que cheguen os recursos ás persoas afectadas".

Na misiva dirixida ao presidente do Executivo galego, explícalle que representantes de firmas do sector servizos, do turístico ou das pemes "dirixíronse á Deputación de Pontevedra dicindo que non están a chegar os recursos".

QUE CONTRATE MEDIOS

A mandataria socialista engadiu que se a Administración autonómica non ten tempo suficiente para estudar a multitude de solicitudes presentadas polas empresas galegas e "se non hai recursos humanos, telemáticos ou materiais, que se contraten".

Carmela Silva decidiu escribir esta carta ao presidente da Xunta "unha vez que el informou que lle pedía ao Goberno de España que axilizase os ERTE" e por acusar a Madrid de non pagar a tempo, cando "o problema, no caso de Galicia, está na propia Xunta que duplicou os días", o que dilata este proceso burocrático.

SEGUNDA CARTA

A principios de mes, o 3 de abril, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xa dirixira outra carta ao titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, suxeríndolle convocar ao catro deputacións nunha reunión telemática para tomar decisións sobre a evolución da pandemia.

Carmela Silva trasladaba esta iniciativa "con ánimo e afán de cooperación", aínda que este venres dixo que aínda non tivo resposta, mentres os gobernos doutras comunidades si que organizaron este tipo de reunións.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA - Arquivo
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA - Arquivo

TOMA DE TEMPERATURA

A Deputación de Pontevedra estuda a instalación de cámaras termográficas para controlar a distancia a temperatura corporal das persoas que acoden a algunhas das súas oficinas, co obxectivo de previr posibles contagios por COVID-19. Así, a deputación xa se puxo en contacto con firmas provedoras para que doten destes aparellos a aqueles edificios "que superen a coincidencia de 50 persoas".

A presidenta provincial, Carmela Silva, explicou que os servizos de Arquitectura e de Riscos Laborais da administración provincial xa están a analizar cada un dos edificios para redactar un protocolo, un plan de continxencia que determine aqueles lugares nos que é necesario situar estes termómetros a distancia.

A intención é incorporar arcos de temperatura en "algúns espazos que teñen moita aglomeración de persoas", como son as oficinas do ORAL en Pontevedra, o organismo que xestiona os tributos, que recibe a gran cantidade de público.

Pola contra, ratificou Carmela Silva, estes aparellos non serían necesarios naquelas oficinas de atención ao público ou espazos nos que apenas reciben visitas. "Sería imposible a nivel económico e non é necesario", explicou.

BIOMBOS DE PROTECCIÓN

Igualmente o goberno provincial deu orde de instalar biombos de protección nas súas oficinas, unha medida que aínda está en fase de contratación, pero trabállase coa idea de que tanto os funcionarios como o público estean protexidos con estas "barreiras de seguridade" cando se levante o confinamento.

Ademais, Carmela Silva informou que a deputación adquiriu 55.000 unidades de máscaras cirúrxicas, das que actualmente dispón xa de 25.000, e explicou que nestes días chegará o resto. O organismo provincial ten o "compromiso" dalgunhas empresas provedoras e do Grupo Inditex para que lles fagan chegar máscaras, e a idea "é poder ter preto de 150.000 para poder cubrir as necesidades de todos os traballadores", subliñou Silva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta