Empregados da Xunta deben formalizar unha solicitude para que adapten os seus postos se son grupo vulnerable

CC.OO. cre que a guía de prevención ante o coronavirus "incrementa a burocratización" e pide que se negocie.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2020 | Actualizada ás 19:04

Comparte esta noticia

Os traballadores públicos da Xunta deben presentar unha solicitude ante os seus responsables de unidade para expresar que son grupo vulnerable fronte á pandemia do coronavirus, de modo que se lles poida adaptar o seu posto laboral. Así o recolle a guía preventiva ante o COVID-19 para a Administración galega acordada polo Centro de Coordinación Operativa (Cecop) —con representación tanto da Xunta, como do Goberno central e da Fegamp— e publicada este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Corredores do complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta, baleiros durante a crise do coronavirus.
Corredores do complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta, baleiros durante a crise do coronavirus.

De acordo co protocolo, os traballadores deben dirixir unha solicitude ao seu superior, quen aplicará as medidas preceptivas se se trata dun grupo vulnerable. Segundo o Ministerio de Sanidade, estas son persoas con diabetes, enfermidades cardiovasculares —incluída hipertensión—, enfermidades pulmonares crónicas, inmunodeficiencias, cancro en fase de tratamento activo, embarazadas e maiores de 60 anos.

Con todo, no caso de que o responsable da unidade non poida adaptar o posto, debe remitir o expediente á Secretaría Xeral Técnica da consellería correspondente xunto a un informe justificativo.

A Secretaría Xeral Técnica reenviará, á súa vez, a solicitude e o informe ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais, que volverá remitilo á empresa que ten concertada a medicina do traballo —neste caso, Cualtis—. Finalmente, será un especialista en medicina do traballo o que avalíe a solicitude e pida ao traballador a documentación que acredite pertencer a un grupo vulnerable.

INFORME DO FACULTATIVO

Con esta información, o facultativo poderá emitir un informe no que considere que o empregado debe seguir mantendo as medidas de prevención específicas do seu posto, se cre que hai que adaptar o seu posto ou dotarlle dunha protección adecuada, ou se, no caso de que isto non sexa posible, o traballador debe tramitar a súa incapacidade laboral a través do seu médico de atención primaria.

Iso si, mentres se tramita o informe do especialista, o empregado en cuestión "ten que continuar realizando o seu traballo, agás que se determine o contrario" de acordo cos protocolos da Consellería de Sanidade (por exemplo, que presente síntomas da COVID-19 ou tivese contacto cunha persoa infectada).

No entanto, segundo recolle o protocolo publicado este venres no DOG, se as circunstancias do posto "non variaron respecto da situación previa" da pandemia do coronavirus, considérase que "non existe no traballador maior sensibilidade que a que existía con anterioridade".

CC.OO.: "INCREMENTA A BUROCRATIZACIÓN"

Tras a publicación desta guía de prevención, o sindicato CC.OO. mostra o seu rexeitamento porque "non foi negociada no seo do Comité Intercentros de Seguridade, como era preceptivo", de modo que tampouco "puido ser mellorada" nin "consensuada".

Ademais, a organización lamenta que "no canto de facer un procedemento o máis áxil posible", este trámite provoca "xusto o contrario": "Incrementa a burocratización do procedemento, en moitos casos retárdao, e por último trasládase a responsabilidade de responder a petición á propia dirección do centro do que depende o traballador".

Neste mesmo sentido, CC.OO. censura que non sexa o propio servizo de prevención, "con criterios máis técnicos, o encargado de solicitar os preceptivos informes", o cal, ao seu modo de ver, daría "unha resposta rápida e positiva".

Para o sindicato, este procedemento "é un auténtico sinsentido" e "unha carreira de obstáculos", porque "se xa nunha situación normal a prioridade é protexer a saúde dos traballadores, nunha situación de crise como a actual, resulta imprescindible que esta sexa protexida eficazmente e de forma inmediata".

Por todo iso, CC.OO. solicita que se retire esta guía acordada no Cecop e que se convoque o Comité Intercentros de Seguridade para a súa negociación. Mentres tanto, a organización propón que os grupos vulnerables "se poidan quedar en casa preventivamente, logo de formular a correspondente petición".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta