A empresa pola que fichou a exconselleira Beatriz Mato proxecta dous parques eólicos en Ordes

O colectivo ‘Salvemos a Comarca de Ordes' rexeita a súa instalación e esixe aos concellos da comarca afectados que informen á veciñanza e que reclamen máis información a Greenalia e o Goberno central.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/04/2020 | Actualizada ás 09:52

Comparte esta noticia

O colectivo ‘Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas’ alerta sobre o inicio de tramitación de dous novos parques eólicos que "ameazarían a comarca de Ordes" e que están promovidos por Greenalia. Trátase do chamado Parque Eólico Tornado, que incluiría aeroxeradores nos concellos de Tordoia, Trazo e Val do Dubra; e do chamado Parque Eólico Orzar, con muíños nos concellos de Tordoia, Val do Dubra e Carballo.

Alcaldes da Comarca de Ordes con pancarta contraria aos eólicos
Alcaldes da Comarca de Ordes con pancarta contraria aos eólicos | Fonte: SCO

A promotora, Greenalia, fichou recentemente a exconselleira da Xunta Beatriz Mato (PP) como nova directora de Desenvolvemento Corporativo e Responsabilidade Social Corporativa.

Salvemos a Comarca de Ordes sinala que "cada un deles sería de máis de 50 MW de potencia e incluirían novas infraestruturas para a evacuación eléctrica". Apunta, ademais, que estes dous parques están actualmente no inicio da súa tramitación ante o Ministerio de Medio Ambiente, "en estado de asignado a equipo".

Desde a asociación queren poñer en coñecemento de toda a veciñanza o que consideran "novas ameazas para a comarca", que coñeceron "por casualidade, consultando a web do propio Ministerio".

"Vémonos na obriga de instar aos concellos para que movan ficha de forma urxente ante estes proxectos, dos que non existe maior información pública polo momento. Reclamamos que os alcaldes informen canto antes á veciñanza dos datos que poidan ter e que se poñan en contacto urxentemente con Greenalia e co Goberno, para obter todos os datos sobre a colocación exacta dos muiños e das liñas de alta tensión e as súas características", expresan desde Salvemos a Comarca de Ordes.

O colectivo tamén reclama aos gobernos locais e oposición que "fagan valer a súa posición amosada sempre até o de agora a nivel institucional e público en defensa de que a comarca quede libre deste tipo de mega proxectos eólicos, por ser contrarios ás prioridades económico-sociais dunha zona rural eminentemente agrícola-gandeira e cunha gran diseminación poboacional".

Salvemos a Comarca de Ordes recorda que "desde a primavera do 2018, son xa máis dunha docena os proxectos de parques eólicos presentados por diferentes grandes empresas para tramitar ante a Xunta ou o Goberno estatal que afectarían a comarca de Ordes".

"Estamos a falar de máis de 100 macromuiños de vento de máis de 200 metros de alto cada un solicitados para a comarca nestes últimos dous anos", engaden.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo 2

Uff! Que susto, por um momento achei que a ex conselheira fora contratara pelos seus méritos e amplos conhecimentos, sabendo que só foi contratada pela cadeia de favores fico mais tranquilo! A crise não é tão grave, seguimos na normalidade de sermos um pais de pandeireta!

1 anonimo

Hai que ir preparando a pensión, que isto estase poñendo duro!