A Xunta anima a denunciar se se coñecen irregularidades en centros xeriátricos

Prevé 550 inspeccións este ano. Fará campañas específicas para "asegurar que as residencias respecten escrupulosamente" o patrimonio de usuarios sen familia próxima.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2020 | Actualizada ás 12:11

Comparte esta noticia

"Hai que denunciar". O subdirector de Inspección de Servizos Sociais da Xunta, Fernando González, teno claro. Para que poida haber un control óptimo sobre os centros sociais é preciso que todo aquel que coñeza posibles irregularidades nos centros xeriátricos —a Administración galega ten competencias para inspeccionalos todos— debe comunicalo.

Anciá chegando á residencia Tempo libre de Patos (Nigrán)
Anciá chegando á residencia Tempo libre de Patos (Nigrán) | Fonte: © Miguel Núñez.

"E coa maior precisión e documentación posible", asegurou, en declaracións a Europa Press, antes de remarcar que as denuncias "se tramitan todas e sempre que é preciso vaise ao centro". "Nunca se avisa", remarcou, antes de subliñar que, á marxe das visitas de oficio, gran parte dos expedientes iniciados xorden de denuncias, xa sexa de familiares usuarios, persoal ou representantes dos traballadores.

En todo caso, conscientes de que Galicia "envellece" e co fin de mellorar o control, o plan de inspección da Xunta para 2020 contempla facer 550 inspeccións, un 40% máis que en 2019. Entre os seus obxectivos está revisar o 65% das residencias de maiores, o 35% dos centros de día de maiores e das residencias de discapacidade, e o 30% de centros de día de discapacidade. Tamén verificar a correcta posta en marcha das casas do maior e das unidades de atención temperá, e atender ás visitas necesarias para pór en marcha centros novos e derivadas da tramitación de queixas.

O plan de inspección da Xunta para 2020 tamén contempla 440 inspeccións en materia de familia e menores, e 520 en inclusión e servizos comunitarios. En todo caso, as principais novidades concéntranse na área de maiores, en plena expansión.

RESPECTO "ESCRUPULOSO" AO PATRIMONIO DOS USUARIOS

Así, a Xunta tamén contempla realizar campañas específicas para asegurar que as residencias "respecten escrupulosamente" o patrimonio dos usuarios que non teñen familia próxima.

Seguirá, ao tempo, "moi de preto", que se "cumpra" o réxime de prezos estipulado, para "evitar que se facture indebidamente por extras que as familias descoñecen e que a Administración non permite"; ou revisar a normativa dos centros de atención a maiores, un documento de 1996 que, 24 anos despois, admite a Xunta, convén actualizar.

Ademais, para "axilizar a resposta ás deficiencias", en 2020 a Xunta prevé habilitar un procedemento que facilite que os usuarios poidan presentar directamente á Xunta as súas queixas e denuncias.

"O IMPORTANTE É QUE SE CORRIXA A DEFICIENCIA"

En todo caso, o Consello de Contas reflicte no seu informe específico de residencias (que incorpora datos de 2015 e 206) como un dos problemas existentes que, a pesar das inspeccións e a que non se corrixiron as irregularidades, non se cursaron expedientes sancionadores.

O dato total deste tipo de expedientes sancionadores (33 e dous peches —uno deles en plena crise do coronavirus—) no últimos tres anos e medio confirma que as multas supoñen un número moi baixo se se compara co número de inspeccións que realiza a Xunta cada ano. A previsión de inspeccións para este 2020 supera o medio milleiro, por exemplo.

Con todo, Fernando González defende que se o incumprimento é grave ou reiterado sempre se multa. "Pero o importante é que se corrixa a deficiencia, que as cousas funcionen ben, antes que sancionar", subliña, convencido de que o que reflicte realmente o dato de multas, á marxe de que a COVID-19 puxese ás residencias no foco informativo, é que "as cousas non funcionan tan mal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta