Familiares denuncian ante a Fiscalía a altos cargos da Xunta por “abandono” de maiores

Afirman que houbo tamén "denegación de auxilio, omisión de socorro con resultados de mortes e lesións” que se fixo "de forma dolosa e con prevaricación”.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 18/04/2020 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

REDE, a Federación Galega de Asociacións de Usuarias e Familiares de Usuarias de Residencias e da Dependencia, presentará ante a Fiscalía Superior de Galicia unha denuncia  contra varios altos cargos da Consellería de Política Social por “denegación de auxilio, abandono, omisión de socorro con resultados de mortes e lesións”, din, “todo realizado de forma dolosa e con prevaricación”.    

Respiradores ou equipos de Respiración instalados nas UCIS para facer fronte ao coronavirus
Respiradores ou equipos de Respiración instalados nas UCIS para facer fronte ao coronavirus | Fonte: EFE

Ente os denunciados están o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa Montenegro. Tamén o subdirector seral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais, Fernando González Abeijón e a Xefa do Servizo de Inspección de Maiores e Discapacitados, Berta Besada. Ademais, a denuncia ampliase aos que ostentasen ese cargo no último ano e medio.

Rede acusa á Xunta de ser, en parte, responsable dos ata agora 150 mortos e 1.000 usuarios contaxiados en residencias galegas pola xestión que fixo. “Consentiu a sabendas a inacción das residencias e a non aplicación das medidas profilácticas e hixiénicas coñecidas e recomendadas dende o primeiro momento”, apunta nun comunicado.

XA SE PRESENTARAN DENUNCIAS PREVIAS

“Esta actuación das residencias ven sendo coñecida a través das denuncias de familiares nos últimos anos e consentida pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e o Servizo de Inspección de Maiores e Discapacitados, aos que consideramos cómplices da situación creada nas residencias galegas antes da chegada do Virus COVID19 e que  desembocou no fatal escenario actual”, engade.

Así, os familiares entenden que esteS departamentoS da Xunta “tiña a obriga de facer cumprir coa lexislación ás residencias, de inspeccionalas, abrirlles expedientes e sancionalas e non o fixeron”. “Tiñan a obriga de protexer aos maiores e non o fixeron, ao contrario, coa súa inacción provocaron que se consolidasen e se estendesen situacións de abandono, neglixencia e maltrato, que se traballase moi por debaixo das rateos obrigadas”, engaden  na súa denuncia.
Neste sentido, critican que se descoidara a limpeza destes centros e que, por exemplo, auxiliares, sen a formación axeitada, fixeran funcións de enfermeiras nalgunhas residencias, permitiron tamén --”isto xeralizado”, din-- que tan so dúas auxiliares quedasen pola noite ao coidado de 150 residentes durante 10 horas.

"DESAMPARO DE ANCIÁNS"

“Coa súa inacción a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e o Servizo de Inspección de Maiores e Discapacitados, abandonou as suas funcións, deixou desamparados aos anciáns e ignorou as solicitudes de auxilio dos familiares que recorreron a eles”, recolle o comunidado.

Por iso, Rede acusa á Xunta de “prevaricar” na actuación dos funcionarios denunciados xa que no ultimo ano e medio foron moitas as denuncias presentadas polos familiares de residentes en distintos centros “por diferentes situacións de abandono, neglixencia, maltrato institucional e incumprimento das rateos permitidas entre outras, sen que ninguén na Conselleria de Politica Social actuase para corrixir a situación en ningunha delas”.

“Entendemos que a súa inacción é tamén delictiva e cómplice da actuación das residencias afectadas e ademais foi fundamental para que se producise este comportamento nas mesmas, contribuíndo a que estas empresas se sentisen impunes en tódolos seus actos e inmunes a lexislación que deberían cumprir”, conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta