O tráfico en autoestradas e autovías da Xunta descendeu de media un 74% durante o estado de alarma

A circulación de vehículos lixeiros cae un 77% entre o 14 de marzo e o 15 de abril, mentres que a dos pesados faino nun 39%

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/04/2020 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

O tráfico nas autoestradas e autovías que son titularidade da Xunta de Galicia descendeu unha media do 74% entre o pasado 14 de marzo e este mércores, 15 de abril, con respecto ao mesmo período de 2019.

Segundo datos recollidos polas concesionarias desde que se iniciou o estado de alarma, o descenso máis acentuado protagonízano os vehículos lixeiros, que caeron de media un 77%. Pola súa banda, a redución do tráfico de vehículos pesados nestas vías de alta capacidade é de menor grao, un 39%.

En datos absolutos, se a intensidade media de circulación nas mesmas datas de 2019 foi de 10.617 coches diarios, este ano foi de só 2.724.

Máis concretamente, durante as xornadas laborables desde o 14 de marzo, a intensidade alcanza de media os 3.276 vehículos, fronte aos 11.055 rexistrados nos mesmos días do ano pasado. Isto representa unha diminución do 70% (-73% en vehículos lixeiros e -34% en pesados).

FESTIVOS E FINS DE SEMANA

Ademais, a baixada acentúase nos festivos tendo en conta que o período inclúe a Semana Santa. Así, durante os festivos a redución foi do 88%: de 8.647 automóbiles diarios a tan só 1.000.

Datos similares recollen as fins de semana, nas que a totalidade do tráfico contraeuse un 84% (-85% os lixeiros e -52% os pesados).

De feito, o domingo é o día da semana coa maior baixada da circulación (-89%), mentres que o luns o descenso é máis leve (-65%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta