Feijóo volve acusar o Goberno central de "confiscar" fondos

O presidente da Xunta di que non ve "nada novo" nos 14.000 millóns que inxectará o Goberno español a todas as comunidades autónomas, xa que se trata de "anticipar" devolucións de impostos de exercicios anteriores e parte das entregas a conta deste 2020.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2020 | Actualizada ás 16:51

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non ve "nada novo" nos 14.000 millóns que inxectará o Goberno central a todas as comunidades autónomas, xa que se trata de "anticipar" devolucións de impostos de exercicios anteriores e parte das entregas a conta deste 2020. "É liquidez", resumiu, á vez que volvía reprochar a "confiscación" de partidas como as políticas activas de emprego.

Alberto Núñez Feijóo
Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta.

Iso si, tal e como explicou na rolda de prensa posterior á videoconferencia de líderes autonómicos con Pedro Sánchez, "o único orzamento novo" anunciado polo presidente estatal son uns 625 millóns —300 para o ámbito sanitario, 300 para o ámbito social e 25 correspondentes aos comedores escolares—, dos que a Galicia lle corresponden uns 37 millóns.

Con todo, Feijóo volveu criticar que se produza "un recorte de orzamento" nas políticas activas de emprego das comunidades, uns 100 millóns, segundo cifra, no caso da galega; mentres "se seguen tensionando" os plans de vivenda, que supoñen "uns 25 millóns" que a Xunta "pode perder".

"O que hai é unha confiscación de diñeiro da Comunidade Autónoma e un posible incremento do noso financiamento de 36 ou 37 millóns que aínda non recibimos", resumiu.

No encontro telemático cos presidentes autonómicos para abordar a crise do coronavirus, Sánchez anunciou que o Executivo central realizará esa inxección "extra de liquidez" de 14.000 millóns de euros ás CCAA. No entanto, 5.500 millóns desta cantidade proveñen do adianto da liquidación do ano 2018 e máis de 8.000 millóns corresponderían ao financiamento previsto para 2020.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta