Centralismo e militarización

Os días 11-M e 12-M, con menos de 2.200 casos en todo o Estado, o Goberno central habería ter decretado o estado de “alarma”. pechando a rexión de Madrid. Unha rexión que actuou nas semanas seguintes como auténtica centrifugadora de contaxios. Tampouco blindou Galicia nin lle permitiu á Generalitat pechar Catalunya.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 19/04/2020

Comparte esta noticia

O estado de “alarma” non chegou até a noite do sábado 14-M e baseouse nun Mando Único estatal (pedido polo PP estatal o 13-M). Mais o Ministerio de Sanidade estaba falto de medios persoais despois de máis de 25 anos sen desenvolver xestión (1200 empregados vs 500.000 autonómicos) e non tiña experiencia ningunha canto a proveedores e canles de comercialización e loxística. Catro días despois o Ministerio permitiu de feito que as CC.AA. e outros operadores seguisen a mercar material de protección individual (EPIS) e respiradores, mais o dano xa estaba feito, porque as canles de fornecemento estaban xa ateigadas de pedimentos internacionais.

Segueu o conto coa desaquelada (e tamén revogada) prohibicón de tests para casos leves e coa entrega directa de máscaras aos concellos e cidadáns, no canto de facelo a medio das CC.AA, que son as que coñecen as necesidades. E agora coa  oposición do Goberno do Estado a que sexan os Gobernos nacionais e autonómicos os que dirixan a fase de volta á normalidade, cando son os que coñecen territorio, poboación, actitudes e costumes sociais.

Pasou o que pasou e non é casualidade, senón que resposta a unha concepción centralista dos problemas, necesidades e solucións, quer na normalidade, quer na emerxencia, que partillan PSOE, PP. Cs e IU-Podemos. Partidos que teiman en impór a tradicional radialidade española (reactivada no económico nos últimos vinte anos). Desprezando por periféricas as opinións de científicos moi ben recoñecidos na Europa e máis vencellados á divulgación científica en cadanseus países, como o galego Jorge Mira ou o catalán Oriol Mitjà. A ciencia verdadeira só pode estar en Madrid, segundo os unionistas.

Diante da falla de estrutura humana dos Ministerios, que adoitan non ter quen lles escreba, Pedro Sánchez optou polos militares e policías estatais como aparello estatal, desprezando ás Administracións autonómicas e locais. Na Europa toda non hai mandos militares comunicando nas roldas de prensa, só hai políticos e científicos. Nos Estados federais europeos (Alemaña, Suiza, Austria...) as decisións adóptanse coordinadamente e execútanse de xeito diferente en cada territorio polos seus Gobernos autónomos. Mais Spain is different.

As FF.AA. están para defender militarmente, non para facer de policías, profesión que require dunha formación teórico-práctica moi específica. E tampouco para facer de protección civil. A Unidade Militar de Emerxencias (UME), como os Plans estatais plurianuais de vivenda, son expresións da recentralización estatal de recursos que haberían estar transferidos ás CC.AA., lexítimas titulares da competencia. No canto de termos un grupo en León para lle dar servizo a 8 millóns de persoas, teríamos un amplo servizo no noso país duns 150-180 profesionais a coordinar pola Axencia Galega de Emerxencias cos axentes forestais, vixiantes ambientais, bombeiros e servizos de extinción de lumes. 

Militares da BRILAT depregados en Vigo
Militares da BRILAT depregados en Vigo | Fonte: © Miguel Núñez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.