'Covid que te vin!', un vídeo para animar á rapazada galega en tempos de confinamento

Trátase do novo traballo musical de Cholo e Nela lonely hearts club band.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/04/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Este ano todo estaba a ser organizado como nas outras 23 edicións anteriores para que centos de crianzas da etapa de Educación Infantil das bisbarras orientais de Ourense celebraran a festa de Cholo e Nela, pero a situación actual de pandemia impediu seguir con esta celebración.

'Covid que te vin!', un vídeo para animar á rapazada galega en tempos de confinamento.
'Covid que te vin!', un vídeo para animar á rapazada galega en tempos de confinamento.

A Convivencia de Educación Infantil é unha actividade consolidada nestas bisbarras de Valdeorras, Trives, O Bolo e das terras de Viana. Consiste nun día de encontro lúdico, organizado pola comunidade educativa dos centros participantes, todos eles escolas públicas. Docentes, familias e alumnado desenvolven actividades ao redor dun centro de interese nos meses previos a esta xornada festiva. Este 2020 ía ser o 28 de maio no Concello de Rubiá, pero o Covid19 crebou os plans e a organización anunciou o pasado 11 de marzo o acordo de adiamento da xornada para o próximo ano.

Isto supuxo unha decepción para o alumnado que agardaba con moita ilusión a chegada deste día onde se concentran ao redor de 700 crianzas de educación infantil, uns 100 mestres/as e arredor de 350 familiares dos nenos e nenas participantes. Un día caracterizado pola esencia da infancia, o xogo e a actividade e coa participación desde a reflexión por parte do mundo adulto. Este é un dos proxectos autoorganizados máis inclusivos e sen dúbida o único protagonizado polos máis pequenos e pequenas das comarcas do oriente ourensán

Cholo e Nela son os personaxes e os referentes desta proposta educativa que perdura no tempo. Referentes sinxelos, un globo e unha pinga de auga do río Sil, teñen sido axentes activos e dinamizadores da transversalidade, a convivencia, a innovación educativa, o deseño de materiais e recursos en galego para a educación infantil e o traballo globalizado da comunidade educativa neste proxecto común, no que a titoría desenvolve un papel importante.

Destes grupos de traballo xurdiu esta formación musical para nenos e nenas que fornece un tema musical para cada edición dos encontros. O tema musical deste ano, como non podía ser doutra maneira, ten unha proposta clara: a recomendación de ficar na casa. Ao berro de "Covid que te vin!" os seus creadores promoven hábitos e xestión do tempo de confinamento dende unha proposta divertida, activa e participada.

A participación amósase neste vídeo musical gravado en pleno confinamento, no que participaron distintas persoas, crianzas, rapazada e familias de xeito compartido e colaborativo e que queren trasladar unha mensaxe positiva "Entre todas e todos sairemos desta".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta