Denuncian que as privatizacións de Feijóo axudaron a crear "imperios xeriátricos"

Gonzalo Caballero recrimina ao presidente galego que evite informar sobre a situación das residencias de maiores e di que hai usuarios mortos por convivir con contaxiados que non están contabilizados . Antón Gómez-Reino cre que a crise debe provocar que o modelo de residencias camiñe "cara ao público"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2020 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de evitar informar sobre a situación os contagios e os falecidos nas residencias de maiores e denunciou que a privatización de centros xeriátricos motivou a creación de "imperios xeriátricos", dixo en alusión a casos como os de DomusVi, a empresa con máis centros afectados en Galicia.

Feijóo coa conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, a empresa privada máis afectada por casos de coronavirus en centros de maiores
Feijóo coa conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, a empresa privada máis afectada por casos de coronavirus en centros de maiores | Fonte: xornalgalicia.com

Na súa intervención, incidiu no que a situación que atravesan as residencias segue sendo a principal preocupación e considerou necesario unha "análise transparente" que permita pór encima da mesa toda a información relacionada cos contagios e as mortes, incluídas as daqueles usuarios que fallen sen ter un diagnóstico por COVID-19.

Na rolda de prensa, ademais, criticou que, baixo o mandato de Feijóo, a Xunta, retrocedeu o papel público destes centros en Galicia e permitise abrir "unha canle de privatización que implicou a xeración dalgúns imperios xeriátricos" e que, segundo indicou, nesta crise "mostraron como conseguiron ter moitos ingresos" pero tamén "moitas debilidades".

Neste sentido, lembrou que o Consello de Contas alertou de que "as inspeccións non permitían corrixir" a situación das residencias. "Algunhas preferían evitar facer cambios antes de cumprir coas leis, incluso chegando a pagar multas porque lles saía máis rendible que facer as contratacións necesarias", censurou.

Por iso, considerou necesario cambiar un modelo que "permitiu que empresas privadas ou fondos de investimento non especializados en xeriatría tivesen un papel determinante" nestes ámbitos. "Sen dúbida Feijóo terá que explica a súa política e a súa conivencia con certas empresas de xestión de residencias que son as que agora mostran situacións máis complexas", considerou.

TRANSPARENCIA

"Pídolle transparencia máxima, porque cónstanos que faleceron usuarios de residencias que estiveron convivindo con outros que tiveran COVID-19 pero non foran diagnosticados como tal. E a Xunta débelle unha explicación a esas familias", dixo. Podemos facernos os parvos durante un tempo pero aquí ninguén é parvo e todos sabemos perfectamente que o presidente da Xunta está a evitar dar contas sobre o que está a ocorrer nas residencias de maiores", sostivo nunha rolda de prensa ofrecida este luns de forma telemática.

Deste xeito, censurou que o presidente da Xunta non interveña para informar da situación nas residencias mentres si o fai para "porlle deberes de forma continua ao Goberno de España". "Gobernar Galicia é moito máis do que fai Feijóo. Gobernar Galicia é cumprir coas responsabilidades que hai en materia sanitaria, en servizos sociais e en materia económica nunha crise tan grave", sinalou.

Nesta liña, tras subliñar que o Executivo español está "a cumprir con decisións de enorme calado", censurou que a Xunta "non consiga tomar medidas de calado en moitos ámbitos nos que ten competencias".

CENTROS PÚBLICOS

Tamén o portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, considera que a crise provocada polo coronavirus debe abrir un debate en torno ao "modelo" de residencias para maiores en Galicia que, ao seu xuízo, debe camiñar "cara ao público" a tenor do que aconteceu no último mes e medio.

Así o dixo nunha rolda de prensa telemática este luns na que Gómez-Reino destacou "un dato esclarecedor" sobre as residencias de maiores en Galicia: "só una das vítimas mortais da pandemia era usuaria dun centro público". Neste sentido, o tamén deputado no Congreso e secretario xeral de Podemos Galicia ve necesaria a apertura dun debate sobre o modelo de "coidados" aos maiores, que ha de reorientarse cara a un sistema no que "o público salga reforzado".

A situación das residencias de maiores foi un dos asuntos tratados na reunión mantida o pasado domingo entre o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e os portavoces das principais forzas políticas galegas, un encontro que levaba "máis de 15 días" sen producirse, como denunciou Gómez-Reino, que empraza ao xefe do Executivo autonómico a "cumprir" co seu compromiso de convocalos semanalmente.

BNG

Tamén o BNG reclamou “transparencia” a Feijóo sobre a situación das residencias tras o “erro” na xestión da crise. “Non quere que nos fagamos unha foto do que está acontecendo e por iso pedimos transparencia e pedimos a comparecencia de Feijóo para que dea conta da xestión nas residencias públicas e privadas”, dixo.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Moine

Nengum povo é inocente da sua historia. Frijolito é o presidente da Junta polos votos dos galegos e galegas. Se nom sabem coidar os seus interesses que vaia chorar ao cemitério. E a seguir emigrando.

1 Gamela

Agora nin siquera, ogallá nos deixaran emigrar! Agora somos escravos de Pedrito !!! A mona dos Peares non pinta nada ! A ver se centramos o tiro, que nos vai sair pola culata !!!

1 Gamela

Que os asesesores xurídicos dos grupos políticos fagan o favor de presentar novas denuncias pola VIA CRIMINAL por delitos de denegación de auxilio, abandono, omisión de socorro con resultados de morte e lesións, de forma dolosa e con prevaricación !!! Se tragamos coa vía civil esta festa vainos sair cara ! A rubia xa ten preparados recursos contra a mala fama das residencias de DomusVi e xa apuntou maneiras no sentido de reclamarlle á Xunta de Galicia o lucro cesante ou o dano sobrevido pola incautación das dúas Residencias de DomusVi (?) Pensade que o mesmo fará AUDASA co descenso do tráfico da autoestrada que tamén reclamará cartos polas súas perdas (?) Se alguén cre que esto é broma, lembrade a indemnización millonaria do Proxecto CASTOR !