Falan os arquitectos: "As nosas vivendas non están preparadas para pasar un confinamento"

"Neste tempo descubrimos que a vivenda é un espazo moi esquemático, simple e que está concibido por parámetros economicistas", aunta o arquitecto Plácido Lizancos. Así mudará o deseño das nosas casas tras a experiencia deste estado de alarma.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A casa converteuse neste contexto de confinamento por mor do coronavirus no espazo no que a meirande parte da poboación pasa as 24 horas do día. O mundo enteiro reduciuse a esas catro paredes e dentro delas desenvolvemos toda a nosa vida. Poida que quen nunca tivera balcón ou unha pequena terraza no seu piso sexa neste preciso momento cando se decate de canto o necesita, e poida que quen sempre o tivera, nunca o valorara tanto coma agora.

Aplausos dende as xanelas en Vigo
Aplausos dende as xanelas en Vigo | Fonte: © Miguel Núñez.

O noso estado durante o confinamento depende, en boa medida, das condicións de habitabilidade das nosas vivendas. Hai quen ten espazo para facer deporte no salón e quen pode aplaudir folgado dende o seu amplo patio; e hai quen ten que manobrar o nunca visto para conseguir un chisco de intimidade ou quen precisa sacar medio corpo pola ventá para atopar algo de sol. Hainos que mesmo nin iso poden: o 4% dos fogares galegos pasa o confinamento sen ver a rúa dende a súa vivenda ao tratarse de pisos interiores, sinala un informe recente de Idealista. En xeral, as nosas casas "non están preparadas" para pasar nelas un confinamento.

A CLÍNICA DAS CASAS

Quizais esta insólita situación sirva para poñer de relevo a gran necesidade duns bos deseños de vivendas para mellorar as nosas vidas. Xustamente por iso, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña vén de botar a andar un servizo que pretende analizar as patoloxías das nosas casas e buscar solucións adecuadas e personalizadas. Cos ollos postos no "que facer para o día despois", este grupo de profesionais da arquitectura enseguida se decatou de que "a vivenda era o único dispositivo que hoxe lle pode facer fronte á pandemia". 

E por iso mesmo, asumindo a propia responsabilidade do deseño e da xestión dos espazos domésticos, maquinaron un servizo para "botar unha man como colectivo" e "mellorar a xestión do hábitat en tempos de confinamento", conta un dos seus promotores, Plácido Lizancos. O resultado é 'A Clínica das casas', unha web que pon a disposición de calquera persoa interesada un servizo de asistencia - a través de WhatsApp ou dun correo electrónico - ao que se pode enviar o caso: unha descrición do problema que se atopa nunha vivenda durante estes días e unha solicitude de axuda. Tamén son benvidas as ideas e reflexións ao redor dos deseños das vivendas.

Patio interior dunha casa
Patio interior dunha casa | Fonte: Idealista

Ademais deste servizo, a web ofrece catálogos de boas prácticas e unha recompilación de artigos de prensa sobre o papel da arquitectura durante o estado de alarma. "Estamos rexistrando máis de 5.000 visitas en cousa de días, é espectacular", conta Lizancos. "Agora traballamos na diseminación do servizo e na produción dun catálogo de cuestións susceptibles de ser atendidas por unha clínica". Porque pode parecer que haxa patoloxías que son consubstanciais á nosa vivenda, pero sempre se lles pode dar unha volta da man das persoas expertas.

CONSCIENTES DAS LIMITACIÓNS DAS NOSAS CASAS

Segundo o arquitecto, antes de que o confinamento inundara as nosas vidas, a maior parte da xente estaba moi satisfeita coas súas casas e "só unha facción tiña unha actitude crítica" cara ao espazo doméstico. Acontecía isto porque fóra de tempos de corentena, moitas das "presións vitais" resólvense no espazo urbano, no traballo, nos espazos de lecer... Mais lonxe diso, agora, que as persoas pasamos as 24 horas do día metidas nun mesmo lugar, "descubrimos que a vivenda é un espazo moi esquemático, simple e que está concibido por parámetros economicistas", describe o arquitecto.

"De feito, cando as vivendas se ofertan no mercado fano en función dos metros cadrados e do número de espazos que teñen. Ninguén fala das súas condicións de habitabilidade, da riqueza dos seus espazos, das vistas que teñen, das posibilidades de organización e de intimidade...", continúa. "Agora é cando a xente evidencia que as vivendas teñen limitacións". Da noite á mañá, eses espazos nos que quizais faciamos pouca vida convertéronse, non só en casa, senón tamén en lugar de traballo, espazo de lecer... E decatámonos, xa que logo, das súas grandes eivas: reducida flexibilidade, pouca conexión co exterior, necesidade dunha boa iluminación...

DESEÑAR PARA AS PERSOAS

"Épocas de confinamento sempre poden repetirse, por múltiples razóns. Cómpre deseñar as vivendas para as persoas, para poder convivir nas distancias curtas", indica Lizancos. Facer das casas lugares nos que non só durmir. Dar a súa debida importancia á creación de espazos de socialización, de lecer, de traballo, de ensino... e reverter ese concepto de vivenda "tal e como viña sendo interpretada polo sistema capitalista", afirma o arquitecto. Se ben a normativa de habitabilidade fala de metros cadrados, de dotacións, de temperatura... hoxe "hai que ir a outros parámetros". Aqueles relacionados coa versatilidade do espazo e, sempre, tendo en conta que "a familia típica reprodutiva con dous fillos xa desapareceu".

Haberá un cambio na arquitectura de cara ao futuro? Plácido Lizancos aposta polo si, aínda que devagar.  "As inercias sociais, do mercado e tecnolóxicas son lentas, pero despois de cada crise sanitaria ou cada catástrofe medioambiental prodúcense cambios: invéntase o cuarto de baño, a luz eléctrica, os sumidoiros, os sistemas de ventilación...". As mudanzas deste tempo pasarán pola atención á flexibilidade, á luz, ás orientacións, pola revalorización das terrazas e balcóns e pola necesidade das ventilacións cruzadas. "Hai unha facción da poboación que xa vivía confinada por razóns legais, económicas, de saúde... Para esa xente invisible e para o resto de nós, hai que actuar". Porque na calidade do espazo tamén vai a calidade do noso día a día.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

3 Riuriu

Claro, si tuviéramos mansiones como los marqueses de Galapagar con piscina y jardín, pasaríamos mucho mejor el confinamiento. Pero todos no somos tan de izquierdas como ellos.

1 Babor

Tí non es de esquerdas, tí es de vox.

2 Gamela

Para dicir o que é EVIDENTE non é preciso ser de Vox nin de Vax nin siquera da UPG ! https://i.gal/gamela15

3 Riuriu

Claro, soy de Vox, como cada día más gallegos lo somos, y vivo en un piso de setenta metros cuadrados como casi todo el mundo. En cambio tú, que eres de izquierdas, ¿vives en una mansión como tus jefes los marqueses?

2 Gamela

Que llo conten ao alcalde de Vigo que en pleno estado de alarma (co que iso supón a nivel administrativo!) enviou o borrador do novo Plano Xeral de Ordenación Urbana (para 20 anos) para que lle dean o visto bo Mediambiental ! O novo plano está inzado de PERIS que acolmatarán aínda máis a cidade, de xeito que as parcelas urbanas encheránse de edificios coma fungos... Zonas Verdes para qué...? A Horta do Barrio do Cura será un xardín con catro árbores e 56.000 m2 construidos ! https://flic.kr/p/24MnPKn

1 Ana

España e Italia son os paises co confinamento mais duro e con mais mortes. Que o gobernó faga test aos colectivos de risco e deixen que a xente faga vida normal e se cree a "inmunidade de rebaño". Incluso tomar o sol e positivo para loitar contra o virus. Da a impresión que a suposta pandemia e o pretexto para recortar liberdades e arruinar a economía e que asi cheguen os "buitres" a comprar o pais de saldo. Mais a xente esta despertado e a indignación crece a mesma velocidade que disminuen os aplausos dende os balcons.