Sindicatos avisan da "debilidade" da prevención de riscos laborais que evidencia a pademia de COVID-19

CCOO critica a xestión "escurantista" do Sergas na crise do coronavirus e o "nulo diálogo" cos sindicatos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2020 | Actualizada ás 13:02

Comparte esta noticia

Con motivo da celebración o próximo 28 de abril do Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo, os sindicatos UGT e CCOO avisaron de que a pandemia da COVID-19 revela a "debilidade" da prevención de riscos laborais en España.

Cámaras termográficas e control no acceso de traballadores á planta de PSA Peugeot Citroën de Vigo, como medida de prevención ante a pandemia de coronavirus
Cámaras termográficas e control no acceso de traballadores á planta de PSA Peugeot Citroën de Vigo, como medida de prevención ante a pandemia de coronavirus | Fonte: PSA.

Lembraron aos traballadores que están "detrás das estatísticas de accidentes e enfermidades laborais" e denunciaron as condicións de traballo que están na orixe desta "carencia social".

Con todo, CCOO e UGT avisan de que o 28 de abril de 2020 "non pode ser" como o doutros anos. "Enfrontámonos a unha crise mundial de saúde pública como non se recorda desde hai algo máis dun século, unha pandemia que en España xa supón o contaxio de centos de miles de persoas", sinalan os sindicatos, que alertan das súas consecuencias nos sistemas sanitarios na economía.

"Este ano o noso recordo debe de ser para esas vítimas, pero tamén para todas aquelas persoas que desde os seus postos de traballo se converteron no principal baluarte de defensa fronte á enfermidade, pondo en risco a súa saúde e, en demasiadas ocasións, as súas propias vidas. Persoas da clase traballadora que hoxe se demostra que son a clave para garantir os aspectos máis básicos da nosa sociedade", apuntaron.

As organizacións sindicais lembran que sempre defenderon que a saúde laboral forma parte de forma "indisociable" da saúde pública, unha realidade que consideran que se fai "rotundamente evidente" coa pandemia da COVID-19.

De feito, indican que os contaxios no ámbito laboral e nos desprazamentos vinculados son "importantes vectores de propagación do virus, tanto nos sectores esenciais que están a garantir a saúde e a subministración á poboación como en empresas que non forman parte deles".

Así mesmo, sosteñen que o sistema preventivo español xa se atopaba nunha situación de "debilidade" debido a "demasiadas inercias derivadas das opcións que foron tomando estes 25 anos", e acabou de ser "arrasado" coa chegada da pandemia.

"Os servizos de prevención, actores indispensables para a organización e integración das actividades preventivas nas empresas, mostraron en moitos casos tremendas limitacións á hora de facer fronte ao reto de avaliar e establecer medidas preventivas para limitar as exposicións ao virus, convertendo en papel mollado as instrucións das autoridades sanitarias", censuraron.

A pesar diso, os sindicatos destacan que seguirán traballando para afrontar esta crise sanitaria e defender a clase traballadora "denunciando onde sexa necesario e esixindo o cumprimento da normativa en prevención de riscos laborais".

CCOO DENUNCIA O "ESCURANTISMO DO SERGAS"

Precisamente, a Federación de Sanidade de CCOO de Galicia criticaron a xestión "escurantista" do Servizo Galego de Saúde (Sergas) no referente á xestión da crise da COVID-19.

O sindicato critica que, amparándose no estado de alarma, o Sergas omite as súas obrigas de negociación colectiva e establece "a golpe de instrucións e ordes" a normativa aplicable ao persoal, sen ter en consideración as achegas das organizacións sindicais.

Fronte a iso, CCOO asegura que, nun momento no que a cifra de traballadores contaxiados do sistema público de saúde "non deixa de crecer", unha política de "diálogo e negociación" é "máis necesaria que nunca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta