Oposicións de educación: o "capricho electoral" de Feijóo que "pode reinfectar toda Galicia"

Galicia Confidencial falou cos opositores. Milleiros deles están pendentes de se, como parece, a Xunta mantén as datas da OPE de Educación para xuño a pesar da crise do coronavirus. Piden o seu adiamento por cuestións de seguridade sanitaria e denuncian as incerteza das medidas de seguridade que se adopten e se se serán dabondo para evitar contaxios.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 21/04/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O número aproximado de persoas que se presentarán á OPE de xuño é de 20.000. Actualmente arredor desta convocatoria para 2020 existen dúas posturas enfrontadas. Por un lado está a de manter as datas dos exames defendida pola Xunta e pola outra, a que defenden colectivos de opositores, é adiar as probas para 2021. De momento o goberno galego non ten unha resposta en firme sobre como actuará para levar adiante a convocatoria. Non son  poucas as voces que falan dunha manobra de Núñez Feijóo de cara as eleccións, sen que lle importe moito a saúde da xente.

Feijóo no mitin do Centro Galicia
Feijóo no mitin do Centro Galicia

ANOS DE PREPARACIÓN

“Preséntome a profesora de FP en imaxe e son e as últimas oposicións foron hai tres anos, se non as supero pois poden pasar moitos anos sen unha nova convocatoria” di Candela Conde, profesora interina de imaxe e son. O número de prazas abertas dentro da súa especialidade son en total trece. Sobre o número de persoas que se poden presentar Candela di que é imposible de calcular. A súa é unha opción onde poden entrar licenciaturas en Xornalismo, Imaxe e Son e todo o relacionado con audiovisual.

José Manuel Pérez vive en Lugo e ten unha academia de inglés. É mestre de primaria con especialidade musical, mais non se presenta á OPE de xuño. El deixou de estudar para primar as oposicións da súa muller a conservatorio, que había doce anos que non se convocaban. “O que pregunto é que sucede con quen non pode estudar?” José Manuel refírese a xente como “os de FP Sanitaria que están nos hospitais ou os que temos nenos, porque temos que conciliar dalgunha maneira”.

Tatiana Vázquez ten medo pola súa saúde. “Se nos pechan agora dentro dun recinto, que garantías temos de non saír infectados?” Agora mesmo preprara oposicións a audición e linguaxe en educación primaria. “Nunca tiven ataques de ansiedade, mais agora que non sei se imos estar con persoas positivas ou non, estou moi preocupada”.

Campaña contra a convocatoria das oposicións a educación
Campaña contra a convocatoria das oposicións a educación | Fonte: FB

O mesmo lle pasa a Iria López, mestra en Bande, sinala que ademais das cuestións sanitarias está o feito de que a Administración galega quere xogar “cos interinos e os que se presentan por primeira vez, facer ver os interinos como quen non quere oposicións”.

MEDIDAS DE SEGURIDADE?

O cinco de abril Galicia estaba convocada ás urnas. As eleccións foron adiadas sen data ata que o estado de alarma pola COVID-19 se levantase e houbese garantías sanitarias para toda a poboación. Os mesmos criterios non parecen ter influído sobre o executivo galego en canto a convocatoria de xuño, pois de momento segue en pé. Outras comunidades tamén as convocaran polas mesmas datas, mais o estado de alarma fixo que fosen suspendidas sen data ou atrasadas. Mesmo comunidades gobernadas polo PP, como Madrid, suspenderon as probas.

“Galicia é a única que manten as datas dos exames, iso ten efecto chamada para xente que está noutras comunidades” di José Manuel. Este efecto chamada suma máis candidatos e candidatas que moitas veces non realizan as probas en lugares axeitados. “O ano pasado houbo xente que fixo probas escritas en corredores de colexios e en ximnasios pegados ombreiro con ombreiro” sinala José Manuel. De aí que a pregunta de como repartirán a xente tamén sexa  unha incógnita.

Esa incógnita fai aparecer o temor ao efecto rebrote ou reinfección por COVID-19. A falta de seguridade sobre quen está ou non afectado non ofrece garantía sanitaria ningunha para evitar o temido repunte da doenza. “Hai xente que vai ir aínda que teña a doenza e así se xuntarán en espazos reducidos co risco de poder contaxiarse” di Tatiana. “Chamei a Recursos Humanos (RRHH)  da Xunta, e non van dicir nada” responde José Manuel. “Dixeron que se se ampliaba o estado de alarma máis alá do 28 de abril suspenderían as probas, aínda non dixeron nada”.

Unha compañeira chamou a José Luis Canosa, subdirector xeral de RRHH, e dixo que para as probas se repartirán luvas e máscaras ademais de manter as distancias de seguridade” di Tatiana. Iria López tamén sinala que nun contacto con Canosa “non dixo se ían colocar aparellos para medir a temperatura ou se nos dividirían en varios andares ou departamentos”.

ELECTORALISMO

Os opositores envían emails e chaman por teléfono para saber algo concreto, mais a Xunta dá a calada por resposta. “Nin Feijóo nin Carmen Pomar (conselleira de Educación) van dicir nada” di José Manuel. Non obstante, non son poucas as opinións que vén unha manobra electoral detrás das posturas de Feijóo. “O profesorado non somos o dato electoral que preocupa a Feijóo” di Iria López.

Hai quen apunta unha posición moi personalista de Feijóo e que apunta máis alá das urnas en Galicia. Para algúns dos opositores consultados manter as datas das oposicións "é un capricho persoal do presidente da Xunta". “Carmen Pomar non di nada porque todo o asunto está capitalizado por Feijóo”. E ese personalismo apunta a que os desexos do titular do goberno galego e presidente do PPdeG son “mostrar que fixo as cousas ben, que mantivo as oposicións e se gaña, terá un currículo impresionante que pode facer temblar a Casado”, di Iria.

A cuestión é que se a Consellería de Educación en particular ou a Xunta en xeral, con Núñez Feijóo por diante, non responden aos requerimentos dos opositores, a idea dunha “catástrofe” sanitaria non se lles vai da cabeza.

“Suspenderon a feira de Silleda, que pasa? As persoas somos menos? Non importamos?” pregunta José Manuel. “Non creo que sexan tan pueriles como para non darse de conta do que pasa” di Iria. “Como podes xuntar vinte ou trinta mil persoas sen ter garantías de que non haxa contaxios, rebrotes e que non haxa quen teña que saír en ambulancia?” di Tatiana.

De momento as datas seguen sendo as mesmas, comezos e mediados de xuño de 2020. A última prórroga do Goberno central dura ata o 9 de maio, a resposta da Xunta faise esperar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

7 Amancio

Home claro que hai que celebrar as oposicións. Que sería de nós os galeguiños se non puidésemos aspirar a sermos funcionários, como todos os nosos políticos (Feijóo, Caballero, Pontón, etc.), e a que nos den de comer os catro parvos que ainda quedan no sector privado?

1 Ricardo R.

Falaches ben. Somos un país de escravos que traballan para os funcionarios, pero os políticos tamén veñen case todos da función pública aínda que Pontona nin eso. Política profesional per secula seculorum

6 Braisiño

¿Todos a tusir e tusir no recinto opositor?

5 Viriatus

Núñez Feijóo se está pasando de listo retrasando el anuncio de lo inevitable. Al final lo acabará pagando.

4 Xesús Ateo Recalcitrante

Ese home, Núñez Feijóo, está en termos de campaña electoral. E todo o ten supeditado a iso; non respecta nada. É un completo sen vergoña ao que o único que lle interesa é a súa carreira política. Pero non só utiliza ás oposicións e opositores como instrumentos da súa campaña electoral e do seu interese persoal; aí están a TVG e a RTVG, o uso de cartos públicos ao través de subvencións e publicidade para poñer a numerosos medios de comunicación ao seu servizo. Incluso xoga coa saúde pública ao tentar de facer test COVD-19 masivos con medios facilitados pola administración central para outros fins de protección e diagnóstico dos sectores máis expostos ao contaxio; e aínda máis grave e impresentable se temos en conta que esa é unha tarefa que vai a acometer o Estado, do que a CC.AA. de Galicia forma parte. Iso: un sen vergoña insolidario e interesado. #OPOñomeaestaOPO

3 anonimo

É unha vergonza. A única CCAA que non ten data para celebrar as oposicións. Desde logo, se finalmente se realizan en xuño, espero que estean presentes no recinto Feijoo e Carmen Pomar.