Temas: PENSIóN ABANCA

Abanca adianta a este venres o pago da pensión a uns 400.000 clientes

A entidade alcanza un acordo cos sindicatos sobre a integración de Caixa Geral e substitúe o ERE pola voluntariedade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2020 | Actualizada ás 20:38

Comparte esta noticia

Abanca adiantará a este venres o pago das pensións a uns 400.000 clientes que as teñen domiciliadas neste banco. Deste xeito, anticiparase oito días con respecto ao día habitual en que a Seguridade Social (SS) realiza o desembolso, o 1 de cada mes, que ademais en maio é festivo.

Logo de Abanca. ABANCA
Logo de Abanca. ABANCA | Fonte: Europa Press

Segundo informa a entidade financeira, é o "segundo mes consecutivo" que opta por este adianto "para apoiar ao colectivo de clientes maiores", que é "especialmente vulnerable" ante a pandemia do coronavirus.

En concreto, é unha medida que forma parte do seu 'Plan Anticipar', que busca axudar a pemes, autónomos, empresas e familias a "mitigar o impacto económico e social" da emerxencia sanitaria.

O deste mes trátase dun anticipo que en total ascende a 341 millóns de euros e que ten "gran transcendencia en Galicia", xa que "un de cada dous" pensionistas ten domiciliada a súa pensión en Abanca, destaca a propia entidade.

Ademais, Abanca recomenda aos seus clientes que eviten desprazarse ás oficinas e que utilicen as canles habituais e autoservizo. No caso de que necesiten diñeiro en efectivo, o banco aconsella o uso dos caixeiros automáticos.

ACORDO CON SINDICATOS SOBRE CAIXA GERAL

Por outra banda, Abanca alcanzou na mañá deste martes un acordo cos sindicatos CC.OO., UGT e SIB-fine —que representan a un 82 por cento dos traballadores— para "harmonizar" a integración de Banco Caixa Geral e resolver o excedente de persoal con "fórmulas alternativas" ao despedimento colectivo como son a mobilidade xeográfica, as prexubilacións e as baixas anticipadas.

O "eixo principal" da negociación, valora a entidade financeira, foi a súa renuncia a un expediente de regulación de emprego (ERE) e a súa substitución pola voluntariedade.

"Na negociación primou a aposta de Abanca por Galicia e polo emprego", engade, xa que pactou cos sindicatos condicións de mobilidade xeográfica nos servizos centrais de Banco Caixa Geral en Madrid. No caso de que por circunstancias persoais isto non poida ocorrer, as saídas dos empregados serán voluntarias "nos termos pactados".

Así mesmo, traballouse nun plan de prexubilación que permita que "non se xere desemprego en zonas que rexistran excedentes", como os servizos centrais de Madrid e outras provincias nas que se produza reordenación de oficinas.

En definitiva, o director xeral de Capital Humano de Abanca, María Camino, agradeceu "a responsabilidade" dos representantes sindicais e mostrou a súa satisfacción por un acordo que "reforza a seguridade do emprego" no banco e permite "reforzar a súa posición de liderado" en Galicia.

Temas: PENSIóN ABANCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Logo dos 60 días de estado de excepción... veremos canto cobran os pensionistas ?