A RAG suspende por "seguridade" os cursos de lingua e cultura galega para estranxeiros

Ían celebrarse ao longo do mes de xullo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2020 | Actualizada ás 21:38

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega (RAG) suspendeu os cursos internacionais 'Galego sen fronteiras' que desde hai 33 anos trae a Galicia durante o mes de xullo a alumnos de todo o mundo para coñecer a lingua e cultura galega.

Nun comunicado, a institución que preside Víctor F. Freixanes esgrime razóns de seguridade para suspender o curso con antelación e así evitar "problemas e incovenientes que unha anulación posterior podería cuasar ás persoas que tivesen planificada a súa asistencia".

Ante a incerteza do panorama mundial pola crise do coronavirus e as dúbidas sobre se no mes de xullo as autoridades permitirán clases presenciais, a Academia decidiu que a 33ª edición destes cursos, que están coorganizados coa USC, non se leve a cabo. O acto de benvida aos participantes estaba fixado para o 2 de xullo, xornada na que se abrirían tres semanas de actividades, clases, conferencia e excursións.

Creados en 1988, os cursos 'Galego sen fronteiras' achegaron a lingua e cultura de Galicia a máis de 2.500 persoas desde fai máis de tres décadas. Algúns dos seus participantes desenvolven hoxe en día un traballo "destacado" no estudo da lingua e literatura galega fóra de Galicia, segundo destaca a RAG, que confía en convocar ao alumnado de novo no verán de 2021 "xa con esta situación excepcional definitivamente superada".

Curso 'Galego Sen Fronteiras'. RAG - Arquivo
Curso 'Galego Sen Fronteiras'. RAG - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta