Un total de 1.670 fogares reciben un menú diario durante a emerxencia

A Xunta de Galicia reforzou o programa Xantar na casa durante a pandemia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2020 | Actualizada ás 17:27

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia leva un menú nutritivo e equilibrado para cada día da semana a máis de 1.670 fogares galegos durante a emerxencia sanitaria provocada pola pandemia do COVID-19 a través do programa Xantar na Casa.

Diso informou a Consellería de Política Social nun comunicado, no que destaca que, en circunstancias normais, este programa se destina ás persoas maiores ou en risco de exclusión e se presta a través dun convenio entre a Xunta e os concellos.

Con todo, tras a declaración da emerxencia sanitaria e coa suspensión das actividades dos centros de día e ocupacionais, a Consellería de Política Social puxo en marcha un Xantar na casa extraordinario para levar a comida a todas as persoas que o necesitasen, especialmente ás que non contan cunha rede familiar de apoio.

Dos 1.670 domicilios aos que chega o Xantar na casa, máis de 250 corresponden a novas incorporacións tras o reforzo extraordinario deste programa durante a pandemia, mentres que outras 1.420 xa eran beneficiarias deste programa de forma habitual.

Política Social destacou que as solicitudes se canalizan a través dos servizos sociais comunitarios. Cando detectan algunha necesidade urxente xurdida durante o confinamento, trasládana á Xunta de Galicia, tanto directamente como a través do teléfono social 900 800 400 ou do correo electrónico atencionsocialemerxencia@xunta.gal.

Ademais, o programa tamén está a disposición das mulleres vítimas de violencia de xénero que necesitan cubrir de forma urxente as súas necesidades de manutención. Estes casos xestiónanse a través da Secretaría Xeral da Igualdade, dependente da Vicepresidencia da Xunta.

A Xunta destacou que o reforzo extraordinario do programa beneficiou a concellos como Vigo, onde se incrementou máis dun 50% o número de beneficiarios. Tamén se ampliou o servizo en Outes, Porto do Son, San Sadurniño, Valdoviño, Lalín, A Rúa ou Barbadás e púxose en marcha por primeira vez noutros como Cee, Val do Dubra, Alfoz e Pereiro de Aguiar.

A conselleira de Política Social, Fabiola García. Xunta de Galicia
A conselleira de Política Social, Fabiola García. Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta