Investigadores alertan do risco dunha segunda onda de contaxios en outono en Galicia

Recomendan utilizar máscara e facer "un seguimento exhaustivo de posibles rebrotes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2020 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

O risco dunha segunda onda do coronavirus e a necesidade de estar atentos a posibles rebrotes. Son algunhas das conclusións achegadas por investigadores que participaron no seminario virtual 'Leccións aprendidas' sobre a crise da COVID-19, organizado esta semana pola Real Academia Galega de Ciencias.

Entre os participantes, o catedrático de Microbioloxía, Jesús López Romalde, destacou a orixe zoogénico do virus, refugando a posibilidade da produción artificial. Á súa vez, a catedrática de Farmacoloxía, María José Alonso, explicou que no seu grupo de investigación están a desenvolver un protocolo mediante nanopartículas que permitan mellorar a dosificación da vacina, sobre a que asegura que "non estará dispoñible antes de ano e medio".

Con todo, detallou que os pazos se están "apurando ao máximo posible" para que chegue canto antes, e indicou que xa hai varias multinacionais preparadas para a produción a gran escala.

SEGUIR A PACIENTES SINTOMÁTICOS, "UN ERRO"

Entre os investigadores que participaron está tamén o catedrático de Medicina e Saúde Pública, Juan J. Gestal, quen indicou que, baixo o seu punto de vista, seguiuse "unha táctica errónea" ao seguir só aos pacientes sintomáticos, e mostrouse convencido de que o virus volverá no outono, pero xa se estará "mellor preparado".

A súa recomendación é facer "un seguimento exhaustivo de posibles rebrotes", puxo en cuestión o interese de desinfectar as rúas e avogou polo uso intensivo de máscaras no período de desescalada, ademais da distancia física.

Tamén Benito Regueiro, catedrático e xefe de servizo de Microbiología do CHUVI, insistiu na toma de precaucións en Galicia ante unha posible segunda onda epidémica, tendo en conta que a circulación do virus foi "moi baixa" e iso implica que boa parte da poboación non desenvolveu anticorpos.

Reparto de máscaras nos autobuses por parte da Policía
Reparto de máscaras nos autobuses por parte da Policía | Fonte: © Miguel Núñez.

MODELO MATEMÁTICO

Juan José Neto Roig, Catedrático de Análise Matemática, é o autor dun modelo matemático que anticipou con dúas semanas de antelación o cume da epidemia en Galicia a principios de abril, e incidiu na necesidade de mellorar a precisión das futuras predicións con base no coñecemento que está a recompilar estas semanas.

Pola súa banda, Senén Varro, catedrático de Ciencias da Computación, defendeu as vantaxes que o tratamento masivo de datos e a intelixencia artificial poden achegar á loita contra a pandemia. Finalmente, Luís Caramés, catedrático de Economía Aplicada, anticipou que o 'shock' da economía en España pode ser maior polo monocultivo do turismo que se fomentou e que, baixo a súa perspectiva, deu pé "a un tecido empresarial pouco innovador" en España.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta