A crise do coronavirus evidencia tamén o "nefasto" sistema de prevención de riscos laborais

UGT asegura que "non se vai cansar de denunciar" as condicións de traballo que están na orixe deste problema. Nos 2 primeiros meses de 2020 houbo 4.600 accidentes

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2020 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

O sindicato UGT alertou da debilidade da prevención laboral que se evidencia coa crise sanitaria do coronaviurs e lembrou que nos dous primeiros meses de 2020 houbo 4.600 accidentes laborais en Galicia, nos que se rexistraron 10 falecidos.

Así o manifestou nun comunicado remitido aos medios con motivo da celebración, o próximo 28 de abril, do Día Internacional da Saúde e Seguridade no Traballo e no que sinalou que ao longo de 2019 un total de 32.651 traballadores sufriron accidentes en Galicia, sinistros nos que se produciron 62 mortes.

O sindicato destacou que "non se vai cansar de denunciar" as condicións de traballo que están na orixe desta problemática especialmente nun "mercado laboral marcado pola precariedade" e avogou por realizar propostas de cambio na normativa e novas políticas que permitan mellorar a saúde e a seguridade dos traballadores.

UGT, que sinala que este 28 de abril "non vai ser igual", sostén que a crise da COVID-19 evidencia a súa demanda histórica de que a saúde laboral "sempre debeu formar parte da saúde pública". "Esta crise demostrou nefastos resultados nun sistema de prevención da saúde mercantilizado", manifestou.

Así mesmo, a organización sindical considera que os recortes en materia de prevención rexistrados nos últimos anos, desde a crise do 2008, "tamén se pagan hoxe nesta crise" e asegura que a pandemia acabou por "arrasar" a prevención que xa funcionaba como "un negocio", coa externalización da súa xestión e a mínima regulación do mercado por parte das administracións.

SERVIZOS DE PREVENCIÓN

Neste contexto, o sindicato critica as limitacións demostradas polos servizos de prevención á hora de establecer medidas preventivas para limitar as exposicións ao virus, órganos que "se limitan a tramitar documentación" en lugar de facer unha "verdadeira prevención".

Ademais, UGT advirte de que no caso dos servizos de prevención alleos, sinala que hai técnicos que teñen ata 200 empresas ao seu cargo.

Ante estas cuestións, o sindicato considera necesaria unha maior presenza das institucións públicas e reclama unha maior coordinación entre os departamentos de sanidade e traballo, tanto na Xunta como no Goberno central.

Traballador. MINISTERIO DE INCLUSIÓN - Arquivo
Traballador. MINISTERIO DE INCLUSIÓN - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta