As contradicións de Feijóo: pide iniciar a desescalada pero sen ter os resultados dos estudos

O presidente da Xunta critica ao Goberno central por non ter previsto xa un calendario da volta á normalidade ao tempo que destaca que en Galicia se fará tendo en conta os resultados do estudo epidemiolóxico. UGT pídelle á Xunta negociar un protocolo para a fase de desescalada.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/04/2020 | Actualizada ás 20:50

Comparte esta noticia

Alberto Núñez Feijóo non parece ter moi claro claro cando e como hai que iniciar a desescalada e, como noutras ocasións pídelle responsabilidades ao Goberno de Sánchez. Hai un mes era o Executivo central o que anunciaba a realización dun estudo epidemiolóxico. A Feijóo gustoulle a idea e decidiu copiala utilizando os máis de 100.000 test que o propio Goberno central mandou a Galicia para facerlle competencia a Sánchez.

Entrevista de Feijóo na Televisión de Galicia ( TVG )
Entrevista de Feijóo na Televisión de Galicia ( TVG ) | Fonte: CRTVG

A punto de iniciarse eses estudos da Xunta e o do Goberno central --que o farán o luns--, Feijóo reclámalle a Sánchez un calendario concreto para a desescalada. Un calendario que el mesmo dixo que, no caso galego, terá que realizarse en función dos datos dese estudio "importantisimo para saber como está o virus en Galicia".

"A desescalada ou é segura ou non será", sentenciou o líder do PP galego, que incide na necesidade de que as decisións se adopten con base en "criterios científicos" deses estudos e dunha forma "rigorosa e dinámica", podendo volverse a atrás no caso de que sexa necesario e establecendo protocolos de actuación en caso da detección de brotes en empresas ou establecementos, chegando mesmo a decretar o seu peche para cumprir un período de corentena.

Por iso Galicia Confidencial fíxolle unha pregunta moi concreta na rolda de prensa telemática que o presidente galego non quixo ou non soubo contestar. "Fala de que o Goberno español ten xa que presentar un horizonte previsible da desescalada. Vostede dixo en varias ocasións e hoxe tamén que, para iso, é necesario ter un estudo epidemolóxico. A Xunta anunciou un e o Goberno Central outro. Non é contradictorio que lle pida ao Goberno central un mapa de desescalada cando acaba de dicir que é necesario ter un estudo para tomar esas decisións?. Non habería que esperar en Galicia e en España a ter datos deses estudos para tomar decisións, mesmo no ámbito electoral?".

A súa resposta foi evadir a cuestión e comparar os dous estudos, como se dunha competición se tratara. "Nós pedimos un estudo dende que comezou a pandemia en cada autonomía e tardamos semanas en que se inicie este estudo. Se esperamos ao Goberno central por este estudo non fariamos nada", dixo. E engadiu que o número de persoas que testa o Goberno central en Galicia "non lle dá a seguridade plena" pois fai unha mostra de 5.000 persoas. "Pero eu entendo que os estudos son compatibles e que os estudos son necesarios", afirmou.

AS CONTRADICIÓNS

Por iso, o discurso de Feijóo sobre a desescalada é contradictorio. Por unha banda pídelle ao Goberno central celeridade na toma de medidas e pola outra, di que "só debe facer se se dan as condicións sanitarias" que se saberán con eses estudos. E tamén pola actitude da xente porque "a relaxación social impide un desescalamiento rápido" mentres que "se todos" os cidadáns mostran "o mesmo respecto pola pandemia" poderá avanzarse na "volta á nova normalidade".

E a pesar de apelar aos estudos ten en mente levantar determinadas restricións en función de "zonas e subzonas" de Galicia sen esperar aos resultados. Así, fixo mención ás diferencias entre o ámbito rural e o ámbito urbano e tamén á idade outro factor a ter en conta nas decisións cara a unha "volta a unha nova normalidade".

UGT

Pola súa banda, UGT solicitou á Dirección Xeral da Función Pública a apertura de negociacións sobre o Plan de Continxencia para adoptar medidas durante a fase de desescalada. O obxectivo é a prevención e a organización necesarias para garantir a seguridade e saúde dos e das traballadoras durante a reincorporación ao seu posto de traballo presencial.  Estas medidas tamén se queren aplicar sobre o acceso da cidadanía aos servizos públicos.

A reincorporación ao traballo, segundo UGT, debe guiarse polo principio de minimización do risco e ten que estar condicionada ao cumprimento estrito de criterios preventivos, para evitar un rebrote da COVID-19.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ana

¿Pq os paises con mais confinamento (España e Italia) son os que teñen mais mortos?. ¿En Galiza temos 5G?.