Galicia, a comunidade con maior índice de accidentes laborais mortais do Estado, segundo CC.OO.

O sindicato incide en que a crise sanitaria evidencia a falta de cultura de prevención do territorio

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2020 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

Galicia é a comunidade autónoma con maior índice de accidentes laborais mortais. Un informe de CC.OO., elaborado a partir das estatísticas do Goberno central indica que o territorio rexistrou un índice de incidencia neste indicador de 5,46 por cada 100.000 traballadores, mentres que a proporción do Estado foi de 3,08.

Estas cifras sitúan a Galicia no alto do ranking de accidentes mortais, sen ter en conta a Ceuta e Melilla, a pesar de que estes se reduciron en 2019. No entanto, o sindicato está á espera de datos definitivos, tras detectar un "rebrote" nos dous primeiros meses de 2020, nos que xa faleceron oito persoas no seu ámbito laboral.

O pasado ano rexistráronse 30.228 accidentes de traballo con baixa en Galicia, o 90,07% en xornada laboral. En total, 50 persoas asalariadas faleceron en accidente de traballo, 43 deles durante a súa xornada. A maioría dos accidentes mortais produciuse en Pontevedra e A Coruña, con 15 respectivamente, que tamén foron as que rexistraron maiores mortes 'in itinere'.

PRECARIEDADE NA CONTRATACIÓN

O secretario de Saúde Laboral do sindicato, Roi Fernández, presentou estas cifras en rolda de prensa, con motivo da conmemoración o próximo 28 de abril do Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo. Un dos principais factores nos malos datos de sinistralidade é a precariedade das condicións dos propios traballadores, engade CC.OO.

Segundo o informe o 43% dos accidentes afectaron a persoas con contrato temporal, que en 2019 supuxeron o 26 por cento das modalidades. Fernández tamén ve necesario "mellorar os sistemas de detección das enfermidades profesionais", que dificultan o traballo en prevención ao carecer de "datos reais" á vez que "se sobrecarga a sanidade pública".

Á súa vez, advirte da infradeclaración de enfermidades profesionais, a pesar de que o pasado ano comunicáronse un 13,8 por cento máis de partes.

"REINVENTAR" A REINVIDICACIÓN

O secretario xeral de CC.OO., Ramón Sarmiento, inistiu na "debilidade" a prevención actual e na necesidade de "reinventar" os mecanismos reivindicativos, ante este escenario "singular" do 28 de abril e o Primeiro de Maio, Día internacional do Traballo.

Obreiros. Eduardo Sanz - Europa Press
Obreiros. Eduardo Sanz - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta