O comité de Noa Madeira Creativa denuncia un expediente extintivo para a metade dos traballadores

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2020 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

O comité de empresa de Noa Madeira Creativa denunciou que a dirección da compañía comunicoulles este xoves, 23 de abril, a presentación dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) extintivo para a metade dos seus empregados, uns 90, mentres que o resto serán sometidos a un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) de quince meses de duración.

Segundo o comité, esta decisión vén darlles a razón nas denuncias que realizan desde fas meses en relación a que os novos propietarios da empresa asentada no polígono de Vilar do Colo, en Fene (A Coruña), o Grupo Malasa, o que pretende é o "desmantelamento" desta empresa e que estas medidas supoñen "na práctica, o peche das instalacións nas que traballamos ao redor de 180 persoas".

Así, o comité critica que o empresario "para despedir e regular temporalmente ao persoal alegue causas económicas e de produción" e que non se acolleron a causas de forza maior provocadas polo COVID-19, "o que limitaría a duración do ERTE á vixencia do estado de alarma, non lle contabilizaría a prestación por desemprego ao persoal afectado e unha vez reincorporado ao traballo ninguén podería ser despedido cando menos durante seis meses".

Ao seu modo de ver, o camiño tomado pola patronal o único que busca é "aproveitarse desta situación para aforrar diñeiro, despedir impunemente e desfacerse dun persoal que ten uns dereitos e unha antigüidade que a fai menos dócil e explotable".

Madeira nas instalacións de FINSA
Madeira nas instalacións de FINSA | Fonte: CiTIUS.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta