O director xeral de Maiores achaca o "inevitable aumento" de residentes falecidos á súa "fraxilidade"

Ildefonso de la Campa reitera que os maiores "están atendidos exactamente igual que o resto da cidadanía galega".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2020 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

O director xeral de Maiores, Ildefondo de la Campa, achaca o "inevitable aumento" de mortes en residencias de maiores que se produciu esta semana á "fraxilidade" deste sector poboacional do que "non se pode esperar unha evolución lineal".

Aínda que as residencias galegas se atopan agora nunha "fase de contención do virus", os pacientes que padecen COVID-19 e que permanecen nestes centros "contan con outras patoloxías, necesidades importantes e son grandes dependentes", o que "os converte nun sector moi, moi fráxil", apuntou de la Campa nunha entrevista con Europa Press este venres.

Desta maneira, lembra que aínda que Galicia "evoluciona cara á normalización", resulta "inevitable" o aumento de falecidos "con algúns picos" como os desta semana. De feito, considera que "a forma na que deixarán de aumentar os falecidos, será reducindo o número de positivos" dentro destes centros.

Ildefonso de la Campa explica así que a autonomía rexistrase o falecemento de 16 persoas procedentes de residencias durante o mércores, 9 dentro dos propios centros e 7 en residencias integradas ou hospitais. A pesar de todo, cre que a "normalidade" está a se achegar, a Xunta "actúa responsablemente" e se os maiores "necesitan atención sanitaria recíbena igual que calquera cidadán galego, e se é de carácter social, tamén a recibirán".

Neste sentido, quixo trasladar á poboación que "os maiores están atendidos exactamente igual que o resto da cidadanía galega", pero que "se algún familiar quixese levar temporalmente a un usuario" a Administración non poría "ningún impedimento", pero recomendan que en caso de gran dependencia "permaneza nas instalacións" para recibir a asistencia que necesitan.

INTELIXENCIA, MEDIOS E CAPACIDADE

Estes mesmos centros tamén están a certificar un número cada vez maior de altas hospitalarias, polo que son moitos os anciáns que están a volver aos seus fogares residenciais. Con todo, isto "non evita a preocupación de que aparezan caso novos".

"Hai que estar encima das entidades, manter o persoal sociosanitario en alerta constante e extremar as medidas de hixiene persoal e protección a través de material", advirte o responsable de Maiores á vez que destaca a "normalización" que se está empezando a percibir na "entrega de material de protección suficiente" para "unha atención" adecuada aos residentes.

Desde o seu departamento tamén están traballado para "ver que modelos están a funcionar mellor e que posibilidades deben implementarse para facilitar e garantir a calidade de vida" dos usuarios das residencias. "Isto non pode ser un 'ad eternum', senón que temos que ir poñendo xa a disposición das residencias intelixencia, medios e capacidade material para dar resposta a estas necesidades", sinala.

BOS MODELOS DE XESTIÓN

Ademais, o director xeral de Maiores cre que esta pandemia tamén deixará "leccións" no ámbito residencial, así como o económico, sanitario e social. Sinala que "os recursos económicos" e a "reorganización" serán determinantes para "os cambios tecnolóxicos que hai que facer", a "maior protección ou "a garantía de máis controis" nestes centros.

"Hai que pór a disposición todos os recursos", pero tamén se debe "reflexionar" sobre a pegada que deixará o coronavirus nas contas públicas, subliñou.

Unha das portas que abra a COVID-19 será a procura de "bos modelos de xestión e actuación" nas residencias, sobre todo no que respecta a un "profundo proceso de formación" dos traballadores para a xerontoloxía, para que "se mañá xorde algo como isto, xa saibamos como actuar como sociedade".

"Todo o que teña cabeza e mans é importante que as poña a favor dos demais", tanto a "intelixencia desde o sector sanitario para saber como se trata esta pandemia en espazos comunitarios", como no sector social "para saber como adaptar as necesidades diarias das persoas con dependencia dentro desta contorna".

Mencionou tamén que a procura destes modelos debe beneficiar "ao sector de familiares, para que teñan garantías dunha mellor comunicación cos seus maiores". Destaca, que o conxunto da sociedade debe coñecer que "as residencias de maiores son recursos imprescindibles".

Fotos Xunta. Comisión 5ª.. Xunta de Galicia - Arquivo
Fotos Xunta. Comisión 5ª.. Xunta de Galicia - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta