O comportamento da política

Unha crise sanitaria como a que estamos coñecendo -e as importantes consecuencias económicas e sociais que viviremos nos vindeiros meses- coloca enriba da mesa un problema clásico: como se está comportando a política ante semellante situación extraordinaria?

Por Xesús Veiga | | 27/04/2020

Comparte esta noticia

Convén establecer, previamente, unha precisión terminolóxica. Que entendemos por política? Pódense manexar, como mínimo, dúas posíbeis acepcións. Unha: o conxunto de actuacións que levan a cabo os representantes políticos que conforman os Parlamentos e os gobernos dos diferentes países involucrados. Outra: as opinións, reflexións e debates que se rexistran en distintos espazos do corpo social (singularmente: medios de comunicación, redes sociais, ámbitos académicos) ao fío da evolución da propia crise.
 
A primeira é, sen dúbida, a interpretación dominante cando se fala da política. Xa que logo, cando emitimos unha avaliación, referímonos ao que din e fan as persoas que dirixen os partidos que, periodicamente, solicitan a confianza da cidadanía. Para ben e para mal, a imaxe desta actividade é a que proxectan as persoas que ocupan postos representativos no poder lexislativo e no poder executivo de tal ou cal sistema democrático. E a lóxica que funciona nesas institucións é, primordialmente, competitiva: disputase cada hipotético voto de apoio aproveitando os acertos propios, destacando os erros alleos e ignorando, obviamente, aquelas carencias e virtudes que podan prexudicar a imaxe que se quere conseguir.
 
Dada a natureza singular da actual crise, podería existir algunha dúbida previa sobre a reacción dos distintos actores políticos. Xa que estamos ante algo que non ten precedentes na nosa historia recente, era verosímil pensar que -agora si- íamos contemplar outro xeito de facer política. A realidade eliminou calquera esperanza. Singularmente, a táctica elixida por PP e Vox -segunda e terceira forza no actual Congreso estatal- multiplica as experiencias mais tóxicas rexistradas na política institucional das últimas décadas. Culpabilizar explicitamente ao actual goberno das mortes provocadas por esta pandemia ou solicitar a substitución do executivo de Pedro Sánchez por outro presidido por Rosa Díez, Aznar ou González revela unha liña proclive á creación das condicións que faciliten a reedición daquel “goberno de concentración nacional” que postulaba o xeneral golpista Alfonso Armada o 23 de Febreiro de 198 e non se compadece co que debería ser o exercicio da oposición nestes tempos extraordinarios.
 
A situación na que nos atopamos esixiría enfrontar -cos debates e diálogos que fosen precisos- os graves problemas que están emerxendo nestes dias. Citemos tres exemplos: 1)as notábeis insuficiencias dos sistemas de prestación de servizos públicos (na sanidade, na atención ás persoas maiores, nas dotacións para a investigación...); 2)as serias diverxencias no modelo de construción da UE recollido nos tratados fundacionais (que postulan a progresiva equiparación nas condicións de vida das persoas que habitan nos diferentes territorios da Unión); 3)a necesaria revisión da estrutura territorial do Estado español para facer efectivo un acaído funcionamento federal entre distintos poderes establecidos.
 
A envergadura destas cuestións non é compatíbel cunha mirada curtoprazista que priorice o cálculo electoral por riba de calquera outra consideración. Se non se fala destes asuntos nos parlamentos e/ou nos gobernos, o corpo social tenderá a beber noutras fontes -sobre todo, nas redes sociais e nos medios de comunicación- coas consecuencias que tal fenómeno poda provocar. A colonización dunha parte das redes polo populismo fascista e a hexemonía conservadora nas liñas editoriais dos medios convencionais debería merecer unha preocupación especial e unha resposta acaída por todas aquelas persoas e organizacións que desexan cambios transformadores para evitar as ameazas que hoxe penduran sobre o benestar cívico.
 
O reto está servido: para facer efectivos cambios relevantes na orde económica e social son necesarias ferramentas políticas (organizacións, persoas, xeitos de funcionamento...) que se atopen á altura das circunstancias. Co que temos enriba, non valen vellas fórmulas ou rutinas burocráticas. O tempo dirá se é realista agardar o cumprimento deste desexo.
 

Estudo da Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) preparado para un debate a seis nas eleccións autonómicas galegas para o 5 de abril. CRTVG - Arquivo
Estudo da Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) preparado para un debate a seis nas eleccións autonómicas galegas para o 5 de abril. CRTVG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.