Abanca adianta ata 1.500 euros de cada prestación por ERTE

Esta medida tomouse no marco dun acordo entre a entidade bancaria e a Consellería de Economía co obxectivo de "dar liquidez aos traballadores".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2020 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

Abanca adiantará ata un máximo de 1.500 euros a cada cliente pola prestación de desemprego derivada dun ERTE que se efectúe como consecuencia da crise do coronavirus.

Este anticipo concederase a través de dúas mensualidades de 750 euros sen intereses nin comisións, garantidos pola Xunta de Galicia, segundo explica a propia entidade bancaria este domingo nun comunicado.

Para poder recibir o ingreso, a empresa debe iniciar o proceso de solicitude dos seus traballadores cun envío á Xunta da información requirida pola Administración galega. Unha vez enviada esta información, a Xunta remítea a Abanca e esta informa os beneficiarios a través de Banca Móbil para que poidan realizar a contratación do préstamo gratuíto.

Esta medida tomouse no marco dun acordo entre a entidade bancaria e a Consellería de Economía co obxectivo de "dar liquidez aos traballadores, incluídos nun ERTE autorizado pola administración galega, que están pendentes de recibir o abono da prestación de desemprego do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE)".

Así as dúas mensualidades servirán para que os clientes dispoñan de ingresos mentres non reciben o ingreso por desemprego que lles corresponde. Abanca explica, ademais, que o financiamento se realizará a través de préstamos persoais sen intereses nin comisións e que se cancelarán cando o traballador reciba o que lle corresponde do ERTE.

Logo de Abanca. ABANCA
Logo de Abanca. ABANCA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta