Por Europa Press / Redacción | VIGO | 27/04/2020 | Actualizada ás 12:42
O número de falecidos por coronavirus en Galicia ascendeu ata os 533 (407 en atención hospitalaria e 126 en centros xeriátricos), tras rexistrarse a morte, nas últimas horas, dunha persoa nunha residencia de maiores e de dúas persoas en hospitais, segundo os datos trasladados pola Consellería de Sanidade.
Na xornada deste luns, as autoridades sanitarias notificaron o falecemento dun usuario na residencia DomusVi do barrio vigués de Barreiro co que, tras a actualización de datos, o número de mortes rexistradas en centros xeriátricos elevouse a 126.
Así mesmo, trasladou tamén que, ata este luns, morreron outras 118 persoas vinculadas con centros residenciais (pero que faleceron, ou ben en hospitais, ou ben en residencias integradas). Deste xeito, o número de falecidos con COVID vinculados a centros residenciais é de 244 persoas, case un 46 % do total de falecidos por coronavirus en Galicia.
Ademais, nas últimas horas, rexistrouse o falecemento dunha muller de 73 anos de idade, que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO); e dun home, de 81 anos, ingresado no Hospital da Barbanza (Ribeira). Ambos con patoloxías previas, segundo informou Sanidade.
Por áreas, rexistráronse 113 falecidos na área sanitaria da Coruña, 83 na área de Vigo, 81 na área sanitaria de Ourense, 66 mortes na área sanitaria de Santiago, 24 na área de Ferrol, 25 na área de Lugo e 15 na área sanitaria de Pontevedra.
AUMENTAN OS CONTAXIOS
Tamén os casos activos de COVID-19 nas residencias de maiores galegas repuntaron evemente ao longo do domingo, ata os 1.073, o que supón cinco máis con respecto ao sábado. En concreto, hai 777 usuarios e 296 traballadores destes centros diagnosticados co novo coronavirus.
Segundo o balance achegado este luns pola Consellería de Política Social, con datos actualizados a última hora do domingo, durante esta xornada rexistrouse un alta entre os anciáns, concretamente na residencia Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume (A Coruña).
Con todo, a residencia DomusVi Cangas (Pontevedra), mantense aínda como principal foco de coronavirus entre os xeriátricos galegos, con 87 positivos. Tras esta, están a da nosa Señora da Esperanza de Ourense, con 74 casos, e a DomusVi Barreiro, na cidade de Vigo, con 68.
Ademais, aínda contan con grandes grupos de usuarios contaxiados a Santa Teresa Jornet da Coruña (57); a DomusVi San Lázaro, en Santiago (53); o Remanso Claudina-Somoza da Coruña (42); e a DomusVi Matogrande, na mesma cidade (41).
FALECIDOS EN RESIDENCIAS DE MAIORES
En concreto, desde que empezou a pandemia, e sen contar os que faleceron nos hospitais, morreron 22 maiores dentro do centro DomusVi de San Lázaro, 20 no DomusVi de Cangas, outros 20 na residencia A nosa Señora da Esperanza, 13 na DomusVi do barrio vigués de Barreiro, e 5 na residencia Moledo (Vigo).
Tamén se produciron 9 no Portazgo (A Coruña), un no Fogar Bellolar, outro na residencia de Castro Caldelas, 7 en Remanso Claudina-Somoza (A Coruña), 7 na DomusVi Matogrande (A Coruña), tres na Santa Teresa de Jornet (A Coruña), un na Caser A Zapateira (Culleredo), un en San Carlos de Celanova, dous na residencia Divino Mestre (Ourense), tres na residencia San Pedro de Crecente e tres nas Fragas de Pontedeume.
Finalmente, faleceu tamén un usuario na residencia de Bande, un na de Foz, outro na nosa Señora de Fátima (O Barco de Valdeorras), tres na residencia DomusVi Concepción Areal da Coruña, un residente no centro San José de Ourense, e outro na Fundación José Otero de Santiago.
A estes falecidos han de sumarse as mortes de persoas que recibían atención hospitalaria (405): 113 falecidos na área sanitaria da Coruña, 83 na área de Vigo, 80 na área sanitaria de Ourense, 65 mortes na área sanitaria de Santiago, 24 na área de Ferrol, 25 na área de Lugo e 15 na área sanitaria de Pontevedra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.