Os primeiros efectos económicos do COVID-19: 11.000 persoas ao paro e 13.000 empregos destruídos

Son os resultados do primeiro trimestre. En España, o paro subiu en 121.000 persoas no primeiro trimestre do ano, o que supón un 3,8% máis.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2020 | Actualizada ás 10:47

Comparte esta noticia

O parou aumentou en 11.000 persoas en Galicia no primeiro trimestre deste ano en comparación cos tres meses anteriores, ata un total de 156.800 desempregados, tras un incremento do 7,56%, o dobre do crecemento en España (+3,79%).

Paro en Galicia e España o primeiro trimestre de 2020, segundo a EPA. EPDATA
Paro en Galicia e España o primeiro trimestre de 2020, segundo a EPA. EPDATA | Fonte: Europa Press

Ademais, como consecuencia da crise provocada polo coronavirus e o estado de alarma, en Galicia destruíronse 13.000 empregos (-1,18%), ao caer os ocupados ata 1.083.000. E iso que os efectos da pandemia só se rexistraron a segunda quincena do mes de marzo.

Así, a taxa de paro en Galicia elévase ata o 12,65%, o que supón un incremento do 0,91%, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados este martes. Está por baixo do 14,4% que se rexistra en España.

En España, o paro subiu en 121.000 persoas no primeiro trimestre do ano, o que supón un 3,8% máis que no trimestre anterior, e a ocupación diminuíu en 285.600 postos de traballo (-1,4%). En ambos os casos trátase dos peores rexistros de paro e emprego desde o ano 2013.

A destrución de emprego afectou máis a mulleres --10.700 ocupadas menos (-2,1%)-- que a homes --2.300 menos (-0,4%)--. Isto tradúcese nunha baixada do 0,2% na taxa de ocupación masculina, así como dun 0,9%, na feminina. De forma global, a taxa de ocupación diminúe 0,6% e rebáixase ao 46,3%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta