O estudantado de Medicina érguese contra a sobrecarga de traballo e exames en plena pandemia

Esixen "medidas axeitadas á situación xa" e denuncian que, a pesar de que o último Consello de Goberno opta pola avaliación contínua e non pola realización de exames, só dúas materias en todo o grao cumpren coa medida.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2020 | Actualizada ás 12:32

Comparte esta noticia

Sobrecarga, esixencia e decenas de probas. A xestión académica que se está a levar a cabo por parte da USC neste contexto de pandemia non convence ao estudantado. Dende a Facultade de Medicina de Santiago de Compostela veñen de comunicar o seu "descontento" polas medidas tomadas por parte de reitoría e decanato ao redor dos métodos de avaliación e sobre o desenvolvemento desta última parte do curso, no que consideran que non se está garantindo a igualdade de oportunidades coa que unha universidade pública debe cumprir.

Iniciativa levada a cabo nas redes sociais por parte do estudantado de Medicina da USC
Iniciativa levada a cabo nas redes sociais por parte do estudantado de Medicina da USC | Fonte: Asemblea Aberta de Estudantes

Este mesmo luns, 27 de marzo, máis de 1.000 alumnos do grao mostraron o seu apoio á protesta nunha enquisa elaborada por parte do estudantado para coñecer o seu sentir xeral perante esta situación. Dende a Asemblea Aberta de Medicina (AAM) esixen medidas "axeitadas á situación xa". 

A loita do estudantado estase facendo notar moito, e proba disto é que este martes o hashtag #AsínonUSC é a cuarta tendencia en Twitter a nivel estatal. 

CRÍTICAS AO MÉTODO DE AVALIACIÓN

A pesar de que tras o último Consello de Goberno se lle comunica ao estudantado que "a avaliación se realizará a través de procedementos non presenciais baseados na avaliación continua que non esixan da realización de exames ou probas finais", a Asemblea denuncia que "son únicamente dúas materias en todo o grao de Medicina as que optaron por non realizar o exame final"

Facultade de Medicina de Santiago de Compostela
Facultade de Medicina de Santiago de Compostela | Fonte: USC.

Ademais, o estudantado critica os períodos que se establecen para a realización desas probas finais e recuperacións, que son de 20 e 16 días naturais. Nese tempo habería que distribuír 30 e 50 probas respectivamente, e soamente contan con tres días entre volta e volta. "Consideramos necesario que os órganos de goberno pertinentes traten cos departamentos a posibilidade de ampliar o número de materias que serán avaliadas por continua e a revisión dos prazos de avaliación, especialmente os da segunda oportunidade", piden dende a Asemblea Aberta.

Entre as directrices para a organización da docencia e a avaliación dirixidas ao profesorado, o comunidado da Asemblea recolle que o Consello de Goberno recomenda que non se fagan probas cun número superior simultáneo de 200 persoas, xa que aumenta a probabilidade de sobrecarga. Mais que acontece? Na Facultade de Medicina hai materias con máis de 500 matriculados. "Programar un exame dirixido a tal cantidade de alumnos, tendo en conta que non se espera que a plataforma 'Campus Virtual' soporte, pon de relevo as lagoas do plan actual", denuncia a Asemblea. 

No caso de que o alumnado perda a conexión durante un exame, dende reitorado expoñen a posibilidade de optar pola repetición ou combinar cunha proba oral. Respecto desta solución que propoñen, o estudantado non considera "axeitado" avaliar o alumnado que teña problemas de conexión dun xeito diferente ao resto. Ademais, repetir a proba, lembran, "podería supoñer máis dun exame diario para certos alumnos, así como o trastorno que provoca ter que agardar ata cinco días para repetir o exame, interferindo no estudo das demais materias". Esixen, xa que logo, "un plan de continxencia a curto, medio e longo prazo".

Este mesmo martes veñen de levar a cabo unha iniciativa por redes sociais para demostrar que a plataforma non é válida para o desenvolvemento dos exames. O estudantado citouse ás 12.00 horas deste mediodía para conectarse, ao mesmo tempo, ao campus virtual, e comprobar se realmente soporta unha gran cantidade de alumnos. A resposta foi a esperada: a plataforma cae aos poucos minutos. 

SOBRECARGA DE TRABALLO

Doutra banda, o estudantado denuncia que o "nivel de esixencia non está a ser máis baixo ca nunha situación normal", tendo en conta que "as dificultades á hora de realizar as tarefas se viron realmente incrementadas", indican dende a Asemblea. "Non estamos ao 100% das nosas capacidades, cal e como lle sucede á maior parte da poboación neste contexto de crise", engaden.

Co gallo de facer forza e tamén de consolidar as redes de apoio entre o estudantado, dende a Facultade de Medicina, ademais de continuar coas negociacións co profesorado, abren outras vías de traballo: veñen de iniciar un fío en redes sociais para animar o alumnado a facer pública a problemática do día a día e están realizando, ademais, un sondeo coa opinión dos matriculados no grao. 

DEMANDAS DO ALUMNADO

Tras coñecer as intencións e procedementos da meirande parte dos resposables na materia, a Asemblea Aberta de Medicina pon sobre a mesa a necesidade de que os órganos de goberno traten a "posibilidade de ampliar o número de materias que serán avaliadas por continua", isto é, sen exame. Tamén solicitan que se revisen os prazos de avaliación e que se poña en marcha unha "plataforma axeitada para a realización da avaliación final nos casos que sexa imprescindible". 

Buscan a creación dun "plan de continxencia a curto, medio e longo prazo" perante a posibilidade de que se produzan problemas durante as abaliacións e esixen a creación dunha "Comisión de Seguimento con poder executivo" que controle as actuacións de reitoría e decatano no contexto de pandemia pola Covid-19. Esta última é unha reivindicación que levan tempo poñendo sobre a mesa pero pola que non obtiveron resposta. "Non se puxo en marcha e é a base da problemática actual", reivindican. 

Por último, o alumnado da Facultade de Medicina fai tamén un chamamento aos concellos para que procuren os medios necesarios ao estudantado universitario, como poden ser dispositivos electrónicos ou puntos de conexión á rede, de cara a poder manter o fío do curso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta