A Xunta di que non enviou os datos de ingresos en UCI polos “cambios nos sistemas” do Goberno central

Galicia en Común acusa a Feijóo de “mentir” por pedir que as autonomías e o Goberno central “faciliten todos os datos” e ser a Xunta a que non aporta información.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 28/04/2020 | Actualizada ás 15:34

Comparte esta noticia

Que o Goberno central non teña os datos dos ingresos totais nas UCI dos hospitais galegos desde o inicio da pandemia non é responsabilidade da Xunta. Así o confirma a Consellería de Sanidade que responsabiliza ao Ministerio de Sanidade desta falta de información polos “cambios nos sistemas” de envío da información.

“Por parte do Ministerio de Sanidade leváronse a cabo uns cambios na forma en que se solicita a información que esixen cambios nos sistemas desde os cales se recollen eses datos para asegurar unha información exacta”, apuntou este departamento en declaracións a Galicia Confidencial.

Este luns, o Ministerio de Sanidade aclaraba que o Goberno galego foi o único que non enviou os datos sobre ingresos en UCI de pacientes contaxiados desde o inicio da pandemia. Así, os únicos datos que figuran son de prevalencia, é dicir, os de persoas ingresadas a data de hoxe en UCI.

Con todo, e tras non facilitar esta información, fontes do Sergas aclaran que facilitarán eses datos tal e como se solicitan, e achegará tamén a serie histórica “se é necesaria para a información do Ministerio”. Pero, especifican, darán esta información “unha vez que exista unha seguridade de que o cambio na forma en que se solicita e facilita esa información non supón ningún problema na solidez dos datos achegados”.

CRÍTICAS DE GALICIA EN COMÚN

En relación a isto, o portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, afeou á Xunta que "obstaculice" e "oculte datos" no reconto do Ministerio de Sanidade de afectados por coronavirus ao ser Galicia "a única comunidade" que non facilita as cifras sobre a incidencia da epidemia segregadas por municipios, así como o número de novos ingresos en UCI de infectados por Covid-19.

Nun comunicado emitido este martes, o tamén deputado de Unidas Podemos reclamou "transparencia, cooperación e lealdade" ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co Executivo central á hora de facilitar os datos sobre a epidemia.

"É un requisito fundamental para combater a expansión da epidemia que a Xunta colabore lealmente co resto de institucións, tanto dentro como fóra de Galicia, e que non obstaculice o traballo dos expertos", remarcou Gómez-Reino, que acusa a Núñez Feijóo de "mentir" e "non facilitar" os datos que Sanidade require ás comunidades autónomas.

"Feijóo quéixase de que o Goberno non mantén informadas as comunidades autónomas, pero iso é mentira porque en realidade sucede ao revés: é a Xunta a que non proporciona aos expertos que dirixen a loita contra o virus a nivel estatal os datos que necesitan para facer o seu traballo, datos que está obrigado a facilitar tal e como establece a normativa do estado de alarma", ha aserverado o secretario xeral de Podemos Galicia.

Situación do coronavirus COVID-19 no conxunto do Estado a 27 de abril, sen os datos da Xunta sobre os ingresos totais en UCI desde o inicio da pandemia
Situación do coronavirus COVID-19 no conxunto do Estado a 27 de abril, sen os datos da Xunta sobre os ingresos totais en UCI desde o inicio da pandemia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta