Axentes forestais e medioambientais doan o 40% do seu orzamento a bancos de alimentos

Desde a Fundación Amigos de Galicia resaltaron a importancia das relacións interxeneracionais para construír unha sociedade máis xusta.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2020 | Actualizada ás 18:29

Comparte esta noticia

A Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (Aprafoga) doou 4.000 euros, o 40% do seu orzamento á Federación Galega de Bancos de Alimentos, para que sexa destinado ás persoas máis vulnerables e aos afectados pola crise da COVID-19.

Segundo explicou o secretario da asociación, José Luís Espiñeira Lage, a idea xurdiu tras ter coñecemento dos "problemas de subministración nos bancos de alimentos" no contexto actual.

"Como organizar unha colecta entre os asociados é moi complicado nos tempos que vivimos, decidimos facer unha doazón utilizando parte dos fondos da asociación", destacou o secretario.

Para dar o visto e prace dos integrantes, a semana pasada realizaron unha votación a través de Whatsapp, na que participaron 130 persoas e todas, con excepción dunha, apoiaron a medida.

"Somos conscientes de que é unha achega humilde, pero é o que tiñamos. Botamos conta dos gastos que quedaban por cubrir de aquí ao fin de ano e doamos o resto porque nos parece que estamos nuns momentos nos que calquera axuda é moi necesaria", engadiu Espiñeira Lage.

FUNDACIÓN AMIGOS DE GALICIA

Por outra banda, con motivo da celebración do Día Europeo da Solidariedade e a Cooperación entre Xeracións, que ten lugar cada 29 de abril, desde a Fundación Amigos de Galicia resaltaron a importancia das relacións interxeneracionais para construír unha sociedade máis xusta.

"Desde a entidade, consideramos que a solidariedade entre xeracións é fundamental para poder conseguir o benestar da sociedade, algo que se está facendo moito máis visible durante a crise sanitaria que estamos a vivir, que fai que en Galicia, segundo datos do INE, máis de 126.000 persoas maiores de 65 anos estean a pasar o confinamento na soidade dos seus fogares", apunta a Fundación.

Ante esta situación, a entidade fixo un chamamento á poboación adulta e nova, "aos fillos e fillas, netos e netas", que "con só unha chamada poden alegrar os seus avós e avoas", e tamén á poboación civil en xeral, "para concienciar da importancia de coidar dos maiores que tanto fixeron pola sociedade".

Axentes forestais nunha manifestación
Axentes forestais nunha manifestación | Fonte: Miguel Núñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta