A oposición presenta unha queixa ante o Parlamento por non tramitar a petición de comparecencia de Feijóo

A Cámara insiste en que a Deputación Permanente "cumpre escrupulosamente" o establecido no regulamento

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2020 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición --PSdeG, Común da Esquerda, BNG e En Marea-- presentaron unha queixa formal ante o Parlamento no que denuncian que se está "vulnerando o regulamento" da Cámara e "coartando os seus dereitos", ao non tramitar a petición de reunión da Deputación Permanente na que solicitan que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compareza na Cámara.

Neste escrito, lembran que os deputados teñen "como obrigación" o control ao Executivo e a presentación de medidas de impulso, "un labor máis necesario que nunca no contexto de crise sanitaria, económica e social" derivada da covid-19.

Un dos exemplos que puxo a oposición no escrito remitido é a petición de comparecencia do presidente da Xunta, rexistrada o pasado 6 de abril, pero que aínda non se debateu na Mesa da Deputación Permanente "como establece o regulamento". Neste sentido, o pasado xoves, todos os grupos da oposición protestaron ante o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, quen lembrou, ao finalizar o pleno, que o propio Feijóo anunciaran que acudiría á Cámara.

Con todo, os grupos da oposición, e aquel mesmo día fíxoo constar a portavoz do BNG, Ana Pontón, censuraron que non se dea curso ás peticións da oposición como é de obrigado cumprimento polo regulamento da Cámara, máis aló dun "anuncio" que, polo momento, non se concretou en ningunha petición por parte do xefe do Executivo galego. De feito, Feijóo dixo que comparecería este mes, aínda que dado que hai conferencia de comunidades no Senado este xoves, quedou posposta a intervención na Cámara galega do mandatario autonómico, que acudiu nunha ocasión ao hemiciclo galego no que vai de estado de alarma.

SI AOS DO GOBERNO

Os deputados da bancada da oposición lembran que a Mesa da Deputación Permanente --o órgano que está de garda en entre lexislaturas, despois da disolución da Cámara o pasado 11 de febreiro--, si que se pronunciou e deu "luz verde ás comparecencias solicitadas polo Goberno, con data moi posterior", aínda que nalgúns casos coincidían coas que pedían os grupos da oposición.

A este respecto tamén se pronunciou Santalices a semana pasada, xustificando que, dado que as peticións da oposición coincidían coas do Goberno, a decisión era convocar directamente a comparecencia. Esta explicación débese a que, para que se atenda a petición dos grupos e acudan os membros do Goberno, a deputación permanente ten que realizar unha reunión previa e aceptar, ou non, esta convocatoria.

Con todo, PSdeG, Común da Esquerda, BNG e En Marea --cuxos deputados integran en exclusiva o Mixto-- sosteñen que a tramitación dos seus escritos debería de ser independente ás peticións que fixo o Goberno, máxime se non coinciden.

"RODETE"

Así as cousas, os grupos da oposición queixáronse de que o PP "está a usar a maioría como rodete para maniatar os grupos e para ter a Cámara a medio gas, cando debería estar a traballar a pleno rendemento para axudar a saír da crise".

"Desde a declaración do estado de alarma e de alerta sanitaria, por parte dos grupos da oposición do Parlamento rexistráronse catro solicitudes de comparecencias con data 31 de marzo, 3 de abril, 6 de abril e 13 de abril", lembran no seu escrito, no que apelan a que estes escritos se enmarcan no artigo 56.4 do regulamento da Cámara, que dispón que a Deputación Permanente "será convocada polo presidente, por iniciativa propia ou por petición de dous grupos parlamentarios ou dúas quintas partes dos membros" deste órgano.

"A pesar de cumprir os requisitos establecidos no regulamento para a súa convocatoria, por parte da Presidencia non se tramitou nin se emitiu resolución ningunha en orde a convocar a Deputación Permanente. No entanto, as solicitudes de comparecencia formuladas polo Goberno foron atendidas de inmediato", protestan os grupos.

No seu escrito tamén lembran que os propios servizos xurídicos avalaron, nun informe emitido 'ad hoc' a petición de todo o arco parlamentario, avalaron que, na situación excepcional na que se atopa o Parlamento --disolto pero sen data de eleccións e co Executivo funcionando con normalidade--, era constitucional e estatutario dotar o órgano que está de garda --a Deputación Permanente-- de maior contido de control ao Goberno e mesmo a capacidade de presentar iniciativas de impulso --para o que puxo o matiz de que era necesario un acordo político, como o que houbo para cancelar as eleccións do 5 de abril--.

Deste xeito, esta queixa formal súmase á proposta conxunta rexistrada para reactivar o funcionamento do Parlamento, singularmente, o presidente da Xunta, que "mentres se prodiga en comparecencias en directo na televisión pública, só compareceu unha vez no Pazo do Hórreo", sinalan no comunicado conxunto os grupos parlamentarios.

Esa iniciativa conxunta ten como obxectivo "reactivar o funcionamento do Parlamento", como así o fixeron constar nunha proposta dirixida ao PP tamén por parte de todos os deputados da oposición na que establecían comparecencias semanais na Deputación Permanente mentres dure o estado de alarma e un fluxo de iniciativas máis amplo cando pase a crise sanitaria de covid-19 ata as próximas eleccións.

"CÚMPRESE ESCRUPULOSAMENTE"

Pola súa banda, nunha resposta oficial remitida a Europa Press, fontes da Presidencia do Parlamento insistiron en que "o funcionamento da Deputación Permanente cumpre escrupulosamente co establecido no regulamento". Esta resposta foi trasladada con independencia dunha resposta "formal" á queixa da oposición, que se producirá cando sexa formalmente coñecida pola Mesa da Deputación Permanente e "unha vez escoitados os servizos xurídicos".

Comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, durante o estado de alarma polo covid-19. PARLAMENTO DE GALICIA - Arquivo
Comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, durante o estado de alarma polo covid-19. PARLAMENTO DE GALICIA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

En Vigo convocan Pleno para gardar 3 minutos de silencio e o resto para que fale o alcalde (que é o único que fala e o único que decide se pisamos a praia ou se pisamos os parques!) Transparencia ningunha, tramita o PXOM baixo Estado de Excepción, e concede a retransmisión do Pleno a unha única cadea de televisión local onde o alcalde ten un programa semanal que se retransmite en diferido tres veces por semana dende hai varios anos ! Este é o Pleno do Concello de Vigo logo de 47 días de PROPAGANDA e suspensión de Dereitos Fundamentais ! (Estado Novo Salazarista) https://twitter.com/00Gamela/status...

1 cachamuíña

Bla, bla, bla. Bla,bla,bla.Bla,bla,bla. O que queren estes do Bloque, os socialistas e os outros que no se sabe moi ben quen son, é aproveitar esa comparecencia para facer política miserable e montar o lío co asunto este da pandemia. Qué vai facer o Parlamento galego, que non ten poder nin influencia ningunha neste tema? Acaso o goberno da Xunta, a Generalitat ou o Goberno Vasco pintan moito á hora da toma de decisións? Nada. En fín, estes andan a ver se lle tocan os kinder a Feijóo e rascan uns poucos votos. Iso é o único que pretenden