Aprazada a VIII edición do mercado galego de artes escénicas 'Galicia Escena PRO'

Buscaranse "datas alternativas" que permitan a celebración do evento con "garantías sanitarias".

Por E.P. | VIGO | 28/04/2020 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia e a asociación Escena Galega, coorganizadores do mercado galego de artes escénicas, 'Galicia Escena PRO', acordaron aprazar a oitava edición deste evento cultural, que se ía celebrar en xuño en Santiago de Compostela, debido á crise xerada pola pandemia de coronavirus, e buscar "datas alternativas".

Así o trasladou, a través dun comunicado, a Consellería de Cultura e Turismo, que coopera na organización deste mercado a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e avanzou que, xunto a Escena Galega, se buscarán "datas alternativas que permitan a celebración coas garantías sanitarias que determinen as autoridades correspondentes, unha vez que se levante o actual estado de alarma".

Así mesmo, os coorganizadores estudarán a adaptación do formato deste evento á evolución da actual crise sanitaria, "incidindo no papel profesional de 'Galicia Escena PRO' como espazo de diálogo e intercambio entre os ámbitos da produción, a distribución e a programación de teatro e danza".

Na edición de 2019, a primeira na que a Xunta participou como coorganizadora, este evento reuniu na capital compostelá a máis de 150 axentes culturais chegados de diversos puntos de Galicia e do resto do Estado para asistir ao seu programa de exhibición e participar nas actividades de encontro profesional.

Galicia Escena Prol 2019 reforza as posibilidades de intercambio teatral con Madrid, Cantabria e País Vasco. XUNTA
Galicia Escena Prol 2019 reforza as posibilidades de intercambio teatral con Madrid, Cantabria e País Vasco. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta