Marzo rexistra unha caída do 2,5% de afiliados á Seguridade Social en Galicia

A cidade con maior caída é Ferrol cunha baixada de máis do 5%. Os sectores máis afectados foron servizos e industria.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/04/2020 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

O número de afiliados á Seguridade Social rexistrados no mes de marzo descendeu en todas as principais cidades galegas, con Ferrol á cabeza, onde esta cifra experimentou unha baixada do 5,1 %, segundo os datos feitos públicos este mércores polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Así, en marzo rexistráronse na comunidade galega 932.729 afiliados á Seguridade Social en alta laboral (e residentes en Galicia), o que supón un 2,4 % menos que en marzo do ano 2019, e un 2,3 % menos que en decembro do ano pasado. Deles, o 51,34 % eran homes e o 48,66 % eran mulleres (aínda que, nas grandes cidades, o número de mulleres afiliadas supera ao de homes), ademais, o 3,6 % deses afiliados eran de nacionalidade estranxeira.

Do número total de afiliados, máis de 44.500 foron altas rexistradas en marzo, mentres que tamén se rexistraron máis de 66.500 baixas.

Por lugar de residencia, o número de afiliados residentes en Vigo, descendeu un 2 % (variación anual), ata situarse en 104.329 persoas; na Coruña a baixada foi dun 2,1 %, ata os 85.975 afiliados; en Santiago, rexistráronse 36.866 afiliados á Seguridade Social (un 1,5 % menos); en Lugo había 36.135 afiliados (un 1,4 % menos que en marzo de 2019); en Ourense, 35.365 afiliados (un 1 % menos); os afiliados en Pontevedra foron 28.116 (un descenso do 1,7 %); e en Ferrol o número de afiliados rexistrados en marzo foi de 17.674 (un 5,1 % menos que un ano antes).

POR SECTORES

Con respecto a sectores de actividade económica, o 71,9 % dos afiliados rexistrados en marzo traballaba en Servizos, mentres que o 14,6 % facíao na Industria. Un 7,3 % de afiliados galegos pertencen ao sector da Construción, e un 5,9 % está vinculado a actividades do sector primario, como agricultura ou pesca.

No sector servizos, a maior parte de traballadores afiliados viven no sete grandes cidades galegas e os seus municipios limítrofes, especialmente nas zonas da Coruña e Santiago de Compostela.

En canto á industria, os afiliados concéntranse en concellos do sur da provincia de Pontevedra, e nas comarcas de Valdeorras, Barbanza, Caldas ou Sar. Mentres que os afiliados do sector da construción son máis numerosos na Costa da Morte, Bergantiños e o sur da provincia de Ourense.

Finalmente, os afiliados que traballan no sector primario viven maioritariamente no interior de Lugo, nas comarcas de Xallas, Terra de Melide, Arzúa ou Deza. Tamén hai un elevado número de residentes na zona de Arousa ou Camariñas, pola alta incidencia da pesca.

Oficina Da Seguridade Social
Oficina Da Seguridade Social

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta