As emisións de CO2 das centrais de carbón galegas diminuíron o 75,2% en 2019

Piden á Xunta que modifique a súa Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 (EGCCE) porque coas esixencias da UE “ficou amplamente superado o seu obxectivo de recorte das emisións das centrais térmicas".

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 29/04/2020 | Actualizada ás 15:43

Comparte esta noticia

As emisións de dióxido de carbono (CO2) das centrais de carbón situadas en Galicia caeron o 75,2% en 2019 con respecto a 2018, baixando de 10,1 a 2,5 millóns de toneladas (t). Isto provocou que as emisións territoriais totais de Galicia se sitúasen no nivel máis baixo desde, cando menos, 1990, segundo informa un comunicado da plataforma Galiza un futuro sen carbón.

Así, destaca que a central de carbón das Pontes (Endesa) emitiu 2,3 millóns de t, fronte aos 7,9 millóns de 2018. Maior aínda foi a redución na central de Meirama (Naturgy), que baixou a súa achega á emerxencia climática desde 2,2 millóns de t en 2018 a 0,2 o ano pasado.

Esta caída das emisións de CO2, o principal Gas de Efecto Invernadoiro (GEI) causante da crise climática, foi motivada pola diminución nun 71,6% da produción eléctrica con carbón. “A suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións restou competitividade ao carbón fronte os ciclos combinados a gas natural, menos intensivos en emisións de CO2”, destaca a plataforma.

A diminución das emisións de CO2 das térmicas de carbón en Galicia foi paralela á rexistrada en toda a UE, aínda que superior tanto á media europea (-24,3%) como á española (-59,4%). Isto seguramente terá aproximado as emisións de GEI por habitante de Galicia á media da UE. Por causa da elevada xeración eléctrica con carbón, a achega por habitante de Galicia á crise climática foi moi superior á media da UE durante os últimos anos.

RENOVÁBEIS

Con todo, e segundo suliña esta plataforma, a caída na produción das centrais de carbón en 2019 non foi compensada pola produción de máis electricidade renovábel senón polo descenso no consumo e na exportación neta de electricidade e máis polo aumento da actividade das centrais de ciclo combinado a gas natural de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa).

“Este descenso terá levado a unha caída sen precedentes das emisións territoriais totais de GEI de Galicia, situándoas no nivel máis baixo desde 1990. Este feito demostra que o peche das xa innecesarias centrais de carbón é, de lonxe, a mellor medida ao noso alcance hoxe para reducirmos drasticamente as emisións galegas de GEI”, recolle o comunicado.

PLAN DA XUNTA CADUCO

Ademais, a plataforma considera que a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 (EGCCE) “carece de ambición” porque en 2019 “ficou amplamente superado o seu obxectivo de recorte das emisións das centrais térmicas (carbón e ciclos combinados) para 2030, fixado nun 54,3% a respecto de 1990”.

Por outra banda, destaca que as dúas centrais de carbón e os dous ciclos combinados figuran entre as seis industrias do noso país con maiores emisións de CO2 e, polo tanto, con maior impacto climático. Así, en comparación con anos anteriores, Endesa segue a ser a empresa responsable do maior volume de emisións directas de CO2. Naturgy, que pechará a central de carbón de Meirama en 2020, foi desprazada da segunda posición por Alcoa.

Central térmica das Pontes (A Coruña). LEA PAZ - Arquivo
Central térmica das Pontes (A Coruña). LEA PAZ - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta